O IV Certame de relato breve A Erbeda premia unha nena de Ordes e mais unha adolescente e un veciño da Coruña

O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, e o vicepresidente da Asociación Veciñal Os Nosos Lares, Álvaro Benedicto Pérez Sancho, entregaron esta mañá os premios do IV Certame de relato breve A Erbeda, unha iniciativa da entidade de Palavea na que a RAG colabora xunto ao Concello da Coruña e as librarías Xiada, Moito Conto e Formatos. Os galardóns das categorías de persoas adultas e xuvenil recaeron en dous veciños da Coruña, David Otero Rego, de Santa Xema; e Alba Cedillo Vázquez, do Campo da Leña e alumna do IES Menéndez Pidal. O infantil recaeu por terceiro ano consecutivo en Sabela García Santos, alumna do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes.

1/7

O nome do Certame de relato breve A Erbeda recupera o topónimo literario que Emilia Pardo Bazán lle deu ao barrio coruñés de Palavea, e con el réndeselle tamén homenaxe a unha autora que dominou con mestría a arte do conto.

David Otero Rego, oficinista de profesión, foi premiado polo relato titulado “Nasa”, unha trepidante historia en forma de diálogo que convida a reflexionar, dende unha perspectiva desmitificadora do cine, sobre os motivos que levan unha persoa común a involucrarse no tráfico de drogas. 

Alba  Cedillo Vázquez, de 14 anos de idade, fíxose co galardón para persoas entre os 12 e os 17 anos con “A travesía da princesa perdida”, unha historia sobre a superación das adversidades e a recuperación das ganas de vivir.

 Sabela  García Santos gañou o premio da modalidade infantil con “A nosa terra”, un conto que narra a viaxe de descuberta de Galicia a través dos ollos dunha cativa de cuarto de primaria. Sabela fíxose con este galardón por terceiro ano consecutivo.

Na entrega dos galardóns tamén participaron, canda o presidente da RAG e da Asociación Veciñal Os Nosos Lares, a secretaria da mesma, Ana Santomé, e José Manuel Pampín, membro do xurado.