A ollada nas mulleres de Ruth Matilda Anderson centra a xornada do grupo 'Pensamento e ensaio'

O grupo de traballo Pensamento e ensaio da Real Academia Galega dedicaralle a Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893-Nova York, 1983) o seu cuarto encontro anual. A sesión, de entrada libre, terá lugar o vindeiro 18 de xuño na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña), a partir das 19 horas, e centrarase na ollada nas mulleres da conservadora da Hispanic Society of America, autora de Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939), un dos máis exhaustivos ensaios sobre a Galicia de hai un século. Nestas páxinas, a investigadora, que percorreu entre 1924 e 1926 Galicia para retrarar co poder da fotografía e da palabra o noso país, ofreceu ademais a que foi a maior tradución ao inglés de Rosalía de Castro ata o ano 1964. Malia a súa importancia, este labor permaneceu fóra do repertorio bibliográfico do galego, ausencia que será un dos temas que se aborden nunha xornada que contará coas achegas de Alba Rodríguez Saavedra, tradutora de Anderson, a historiadora Ana Cabana e o fotógrafo Brais Lorenzo.

Organizado co apoio do Concello da Coruña, o foro continúa coa serie de encontros que o grupo Pensamento e ensaio da RAG iniciou en 2023. Estes espazos para a reflexión pública concibíronse co propósito de “contribuír a elaborar discursos alternativos, contrahexemónicos, sobre Galicia” e que vaian alén dos proxectos que contemplan Galicia “unicamente como terra que ser explotada polo extractivismo ou caracterizada de modo folclórico”, sinala a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do grupo e mais da xornada Ruth Matilda Anderson: a ollada nas mulleres

Alba Rodríguez Saavedra, autora de Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes (Laiovento) e membro do grupo de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, afondará nos motivos que explicarían que a estadounidense permanecese á marxe do canon galego, segundo propón neste volume publicado coincidindo co centenario da segunda viaxe de Anderson a Galicia. “Traducir para visibilizar. A Galicia en feminino plural que reivindicou Ruth Matilda Anderson” é o título da súa intervención. Dialogará coa achega sobre os traballos das mulleres ignorados ou dados por suposto nos tempos de Anderson da historiadora da Universidade de Santiago de Compostela Ana Cabana, que asina o limiar do ensaio de Rodríguez Saavedra; e mais a contribución do fotoxornalista Brais Lorenzo, quen participará co relatorio “Fotografía, memoria e territorio: un diálogo fotográfico con Ruth Matilda Anderson. Habitar o baleiro”. O programa inclúe tamén unha actuación musical  de Cantigas e Agarimos, fundada na Galicia dos anos 20 que coñeceu Ruth Matilda Anderson. 

A norteamericana levou a cabo en dúas estadías que en conxunto duraron 18 meses  o traballo de campo en Galicia que lle encargara a Hispanic Society: retratar a esencia dun mundo tradicional que co avance da industrialización comezaba a esmorecer. Nas última décadas recoñeceuse o seu labor como fotógrafa, pero Rodríguez Saavedra reivindica as múltiples facianas dunha investigadora atenta á antropoloxía, á historia, á literatura e á lingua propia de Galicia que exerceu tamén de pioneira da tradución ao inglés de Rosalía. Canto ao porqué da invisibilización destoutros perfís, a estudosa apunta á atención que Anderson lles prestou en Gallegan Provinces ás mulleres. “Ruth Matilda Anderson presenta un libro que nos invita a vernos, a entendernos con outros ollos, cos ollos do noso día a día, de onde os grandes nomes propios decidiran excluírse para dedicarse á tarefas máis excelsas, quedando, por tanto, fóra do obxectivo de Anderson. E este pecado de dirixir a mirada e a palabra cara ao cotián, como xa acontecera con Rosalía e Emilia Pardo Bazán, custoulle a Anderson o desterro ás marxes do nosos sistema cultural”, expón no seu ensaio.

Non foi ata a fin da ditadura, andados xa os anos 70, cando a historia das mulleres comezou a entrar no ámbito académico estatal, e habería que agardar a finais dos 90 e o comezo do século XXI para que se producisen avances significativos neste sentido, explica Ana Cabana. “Ata entón o traballo das mulleres non era sequera considerado e no caso de Galicia, onde ten que ver moito co rural, ficaba dobremente invisibilizado. A achega de Ruth Matilda Anderson axúdanos a revelar ese traballo feminino que estaba en todas as partes, e faino sen caer nos estereotipos”, valora a historiadora. A americana retratou nenas, mozas e mulleres de máis idade desempeñando todo tipo de oficios e tarefas alén do ámbito doméstico, dende leiteiras e carteiras a grupos de mulleres puxando para sacar do mar as redes. “Amosou e defendeu a súa potencialidade económica. Cando visita Camariñas e retrata as palilleiras, fala delas como dunha industria. Ata entón ninguén as vira desa maneira”, engade a profesora.

Cen anos despois Brais Lorenzo segue dalgún xeito o ronsel de Ruth Matilda Anderson a través do proxecto xornalístico multiplataforma Habitar o baleiro, nado coa vontade de retratar a vida no rural de Galicia, e centrado ata o momento sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense. As súas fotografías dialogan con textos de diversas autorías para afondar nun mundo no que a presenza feminina segue a ter un peso especial, e que hoxe se nutre tamén de mulleres migrantes chegadas doutros países, apunta. Un mundo que vai esmorecendo pero no que tamén nace nova vida. “Interésannos as consecuencias que o abandono do rural ten, por exemplo, no medio ambiente, pero tamén queremos amosar o lado esperanzador e o que agroma, esas novas formas de habitar o rural en Galicia”, destaca o fotoxornalista, recentemente galardoado co World Press Photo pola reportaxe sobre a vaga de incendios en Galicia do pasado verán que titulou Terra queimada.