O fillo da Cova Céltica que amou o teatro

Creou xunto a Ánxel Casal a editorial Lar, elaborou un dicionario e unha gramática e cultivou coñecementos profundos en distintas linguas. Pero o académico de número Leandro Carré, fillo de Uxío Carré, o propietario da libraría que acubillou o faladoiro de intelectuais galeguistas alcumada a Cova Céltica, tivo especial predilección polo teatro. "Dende moi neno, foi de cote o espectáculo por min preferido", confesaba en 1949 no "Galician Programme" emitido desde Londres pola BBC, cinco anos despois do seu ingreso na Academia como membro de número.
Leandro Carré
Fotografía da estrea de '¡Filla...!', a obra de Galo Salinas que lembrou Leandro Carré no programa da BBC. Fonte: Arquivo da RAGalega


Carré Alvarellos foi colaborador deste espazo da emisora británica, en cuxo número 25 se puido escoitar un traballo da súa autoría sobre o teatro galego. Daquela sumaba, segundo as súas contas, unhas 150 obras, varias escritas por el mesmo. Desde os micrófonos da BBC, lembraba como en 1903, sendo aínda un rapaz, presenciou, no teatro coruñés máis adiante bautizado co nome de Rosalía de Castro, Filla…!, obra de Galo Salinas, quen foi "chamado â escena e aplaudido polo púbrico" ao concluír a función. O arquivo da Real Academia Galega conserva as fotografías daquela estrea, realizadas por Enrique Ferreiro Bello.

Aínda que xa nos anos 80 do século XIX foran representadas obras en galego, Carré partía de Filla…! porque do "fato de rapaces" que a levaron ao taboado "naceu a idea de alentar, de estimular a arte dramática rexional nun xeito intensivo", subliñaba.

Tras a estrea desta comedia, chegarían ao escenario outras obras de Lugrís sobre "probremas vivos no cerne do pobo rural". Carré salienta deste autor Mareiras, de 1904, como a mellor "sen dúbida". A creación das Irmandades da Fala, en 1916, achegaría novos pulos ás actividades escénicas, e tamén novos autores.

Carré referíase de maneira especial a dúas obras de Ramón Cabanillas, quen ingresou na RAG cando Leandro Carré cumpría os 32 anos: O Mariscal (1926) e A man de santiña (1920). Da primeira, "obra manífica do noso teatro" sobre a historia de Pardo de Cela, aseguraba que debería representarse todos os anos polo Día de Galiza. A segunda definíaa como unha delicada comedia coa que se deu a coñecer o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, "que non chegóu a acadar a vida próspera e longa que merescía por falta de apoio", laiábase.

"Neste aspecto temos que recoñecer con fondo sentimento que estamos moi lonxe do cariño, do respeto e do interés que estas manifestazóns da vida artística e cultural despertan noutras rexiós ¡Canto non adiantaría o noso teatro se algunhas das agrupazóns de amadores das artes escénicas levasen ao taboado obras da propia dramática rexional!", engadía nun momento desalentador. "Dende hai doce anos, o noso teatro rexional estivo inactivo e caladiño, ¿hastra cando?", concluía.