Destaques Comentados Palabra Monografía Documento Prensa Peza  

'Filla...', de Galo Salinas (1903)

Serie de imaxes da estrea de "¿Filla...
Serie de imaxes da estrea de ¡Filla...!


No fondo persoal de Galo Salinas, custodiado no Arquivo da Real Academia Galega desde o ano 1965, ademais de manuscritos orixinais das distintas obras do autor, gárdase tamén documentación persoal, como correspondencia, nomeamentos, etc. Deste fondo queremos destacar unha serie de sete fotografías tiradas polo fotógrafo coruñés Enrique Ferreiro Bello, que recollen varias escenas da estrea en Galicia da obra ¡Filla...!, no ano 1903.

En 1896, o propio Galo Salinas publicou o primeiro escrito teórico sobre o teatro galego: Memoria acerca de la dramática gallega. Causas de su poco desarrollo e influencia que en el mismo puede ejercer el regionalismo.

Na análise que fai das causas do escaso desenvolvemento do teatro ata ese momento non sinala a ausencia de textos en galego, como poderiamos esperar, senón a "absoluta carencia de actores" xunto ao escaso cultivo da lingua galega entre as clases urbanas. No mesmo texto considera a necesidade de formar intérpretes como única maneira de dignificar e desenvolver a dramática galega. Anos máis tarde, unha importante iniciativa nese sentido estará directamente relacionada con el.

Un dos proxectos máis serios de crear un colectivo dramático que fose centro de formación de actores e actrices e compañía de repertorio que representase teatro galego foi o levado a cabo pola Escola Rexional de Declamación, da man de Eduardo Sánchez Miño e dun grupo de actores e actrices. A mediados de 1902 comezaron a aparecer na prensa noticias sobre as primeiras reunións que se realizaron para conformar este proxecto. Xa o 18 de xaneiro de 1903, Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, anunciaba na portada a celebración, nese mesmo día, dunha función no Teatro Principal da Coruña destinada a recadar fondos para a Escola Rexional de Declamación. Comezaba a crónica da seguinte maneira:

"Esta noite debe ter lugar no teatro prencipal un acontecemento dos que se sinalan con pedra branca na historia dos pobos.
Un fato de rapaces, cobizando dar vida á literatura dramática gallega, propuxéronse botal os cimentos ao teatro rexional, e representarán un cuadro dramático que outivo o premio nos Xogos froraes celebrados en Pontevedra no ano 1892, [...]. Titúlase esta obra ¡Filla...! [...]"

Para rematar co desexo de que "Hacha artistas que dramaturgos hainos xa".

¡Filla...!, de Galo Salinas, foi merecedora do primeiro premio no Certame organizado polos Amigos del País de Pontevedra, en 1892, e estreada en 1894 en Buenos Aires polo Orfeón Centro Gallego. Na súa estrea en Galicia foi dirixida por Eduardo Sánchez Miño, que tamén ocupaba o papel do primeiro actor, co personaxe de Patrizo. Dolores Losada interpretou o papel de María; e o resto do elenco estaba constituído por María Anguita González, Bernardo Bermúdez Jambrina e Federico Lago.

A estrea tivo moi boa acollida e así o reflicte Revista Gallega no número do 25 de xaneiro, que recolle as recensións e as críticas aparecidas en diversos medios. O proxecto de creación da Escola Rexional de Declamación quedou constituído un mes despois, grazas aos ingresos obtidos con esta representación.

Tarxeta de visita de Galo Salinas
Tarxeta de visita de Galo Salinas

Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar