O Festival de Ortigueira: a invención dunha tradición que reforza os lazos da periferia atlántica

O patio do colexio de Ortigueira acolleu no verán de  1978 a primeira edición do Festival do Mundo Celta. Aquel día acabou chovendo, pero a auga non foi un mal presaxio. Estaba a nacer una nova tradición. Case medio século despois, este encontro enche a vila que lle dá nome durante días de artistas e un público de múltiples orixes que rolda as 100.000 persoas en cada ano. Convócaos unha exitosa etiqueta que empezara a funcionar como cerna da identidade galega no Rexurdimento: o celtismo. A Real Academia Galega dedicoulle esta tarde ao propio festival, e mais a ese concepto sobre o que medrou esta cita imprescindible da música folk, a que é a segunda edición das xornadas A invención da tradición. O público do Teatro de Beneficencia de Ortigueira escoitou tanto a visión de quen protagonizaron a posta en marcha desta iniciativa coma a ollada da investigación histórica. Unha e outra conflúen dalgún xeito no recoñecemento da conexión entre pobos da periferia atlántica, e na riqueza que implica.

1/23

“Aínda que sexa un pouco mítico, o sentimento de irmandade que promoven iniciativas como o Festival de Ortigueira contribúe a construír, a cultivar unha Europa un chisco distinta, que teña en conta a periferia”, valora o catedrático emérito da Université Rennes 2 Jean-François Botrel, que impartiu a conferencia inaugural desta convocatoria da Sección de Historia da RAG, organizada coa colaboración da Deputación da Coruña e o apoio do Concello de Ortigueira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e mais a Escola de Gaitas de Ortigueira.

A apertura institucional correu a cargo do presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín; e o director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares. Tras o relatorio do profesor Botrel —sobre o proceso de invención doutra tradición do identificado como mundo celta, a festa bretoa da chorima de Pont-Aven—, a mesa redonda titulada O celtismo, a creación do festival de Ortigueira e a música celta contou con Xabier Garrote, primeiro director da Escola de Gaitas de Ortigueira e promotor do festival; Manuel Santos Estévez, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; e Luz Polo, quen formou parte da Escola de Gaitas de Ortigueira desde os seus comezos sendo aínda unha nena. O cuarteto da propia escola púxolle o ramo á tarde.

 

Fonte de creatividade e proxección exterior da cultura galega
O presidente da RAG, coma Botrel e os demais especialistas que interviñeron no Teatro de Beneficencia, lembra a mestura de realidade e mito que rodea o celtismo galego e salienta tamén os seus vizosos froitos no campo da cultura, entre os que destaca o Festival de Ortigueira. “A identidade colectiva dos pobos constrúese tamén sobre mitos e con algo de imaxinación histórica. Neste caso a tradición céltica foi unha fonte de creatividade para a cultura galega, nomeadamente na música. O Festival de Ortigueira é unha mostra palpable diso, cunha capacidade de atracción, de dinamización cultural e conquista de públicos moi importante como forma de crear lazos con outras culturas e proxectar a música galega cara ao exterior”, valora Henrique Monteagudo.

“O Festival de Ortigueira é un exemplo de como unha iniciativa cultural pode chegar a converterse nunha tradición compartida de interese internacional e sobre todo no principal sinal de identidade dun pobo”, expresa na mesma liña o alcalde de Ortigueira sobre o único encontro destas características recoñecido coa máxima distinción do Ministerio de Industria e Turismo. Valentín Calvín pon igualmente en valor a capacidade do festival para proxectar a cultura galega ao mundo e reivindica o papel da cidadanía e de todas as persoas que contribuíron ao seu crecemento, con especial énfase na Escola de Gaitas e nos primeiros impulsores, algúns deles presentes no acto. O rexedor agradécelle á RAG a elección da vila como sede da segunda edición das xornadas A invención da tradición e comparte “a importancia de reflexionar sobre a orixe e a evolución das tradicións para comprender mellor o patrimonio colectivo”. 

Un mito con certa base histórica sobredimensionada
“A idea do celtismo como elemento fundador da identidade galega foi obra sobre todo de Manuel Murguía. Callou moi fondo na nosa sociedade, é un dos mitos máis clásicos e importantes de Galicia, tivo un grande éxito histórico e sociolóxico. Emparentounos coa historia máis nobre de Europa, e tamén coa historia atlántica, feita sobre o mar”, explica Ramón Villares. Outra cousa é o que di a historia. “Quizais o celtismo foi excesivamente difundido como identidade única de Galicia, sen ter en conta as distintas poboacións que chegaron aquí”, apunta. Pero o ciclo no que se enmarca o encontro de hoxe queren poñer o foco na construción do mito e da tradición, non tanto na realidade do que sucedeu, indica o director da Sección de Historia.

“Os galegos somos unha mestura de moitos pobos, entre eles os celtas, pero eu non vexo negativa esa parte de esaxeración e fantasía que hai na creación dunha identidade. Se temos que construír unha identidade, coma todos os colectivos, penso que é máis interesante buscala en elementos que nos unen a outros ca non nos que nos separan dos demais. Grazas ao mito celta, a cultura galega conseguiu establecer relacións internacionais a nivel cultural”, opina neste sentido Manuel Santos.

Mais a contribución do investigador do Incipit centrouse precisamente nalgunhas das evidencias arqueolóxicas que deixan constancia da relación de Galicia cos celtas. “Sería imposible interpretar certas iconografías que aparecen en restos arqueolóxicos se non tivésemos en conta os celtas. É o caso dos petróglifos podomorfos que hai en diversos sitios de Galicia. Ata o século XIX en Escocia conserváronse ritos de nomeamento de caciques nestas pedras con figura de pegada dun pé. En Galicia temos varios exemplos, unha delas en Cabanas, onde a veciñanza lembra que antigamente alí se nomeaban os alcaldes. E en Vigo, entre os séculos XVI e XIX os concelleiros nomeábanse sobre unha pedra na praza da Laxe”, conta o investigador.

A representación na arte rupestre galega de cervos cunha especie de colar no pescozo, como os que se poden ver en petróglifos de Rianxo ou no Campo Lameiro, son outro exemplo desa conexión celta. “Son representación claras do deus Cernunnos”, aclara Santos. Seguindo o curso da historia, Sarmiento é outra fonte relevante. “Foi o primeiro que apuntou os celtas como devanceiros dos galegos”, indica sobre un intelectual adiantado ao seu tempo, que se nutriu do saber oral do pobo cando os estudosos se cinguían aos textos. “Se investigas o pasado só con escritos, acabas sobredimensionando aquelas culturas que tiñan a escritura, como a romana, e infravalorando as que non, o caso dos celtas”, sostén.

O arqueólogo advirte en calquera caso que a relación de Galicia co mundo celta se produce nun dobre sentido. “Unha parte da nosa cultura é de herdanza celta, sobre todo desa que se desenvolveu na costa atlántica; pero o celta é tamén aquilo que nós entendemos por celta, o que nós proxectamos desde o presente cara ao pasado. E é así como nacen tradicións como a do Festival de Ortigueira”, prosegue. Outro caso de proxección cara ao pasado é o mito de Breogán. “Por que os irlandeses decidiron que Breogán chegase a Irlanda desde Galicia e non de Francia? Na Alta Idade Media xa mantiñan unhas conexións culturais e comerciais co noroeste da Península Ibérica que quizais axudaron a que pensasen en Galicia cando tiveron que imaxinar de onde viñan os seus antepasados”, propón.

Unha fiestra con aire fresco que se abriu na Transición
A relación con esoutras culturas identificadas como celtas foi a base sobre a que naceu en 1978 o Festival de Ortigueira, promovido pola Escola de Gaitas ao abeiro da cal tamén se puxo en marcha un arquivo musical para a recuperación da memoria perdida. A reivindicación do celtismo funcionou así, en plena Transición, como unha maneira de redescubrir a cultura propia e abrir Galicia ao mundo desde un pequeno concello á beira do mar. 

“Como dicía Pepe Ferreirós —un dos fundadores de Milladoiro—, naquel momento o Festival de Ortigueira foi como abrir unha fiestra nun lugar que levaba pechado moito tempo. O franquismo tapara a nosa identidade e atopamos unha maneira de reconstruíla vencellando o noso a ese pasado celta que se reivindicara no Rexurdimento, tamén por parte de músicos como Varela Silvari ou Mariano Tafall. O festival naceu como unha actividade fundamentalmente de intercambio cultural, queriamos ver como funcionaban culturas semellantes á nosa, como conservaban as súas tradicións”, lembra Xabier Garrote, primeiro director da Escola de Gaitas de Ortigueira e promotor do festival, á fronte do cal estivo ata o ano 1983. 

Nun ambiente político aínda pouco favorable, a colaboración de Xosé Filgueira Valverde, que se prestou a ser o pregoeiro da primeira edición, axudou a que todo saíse adiante. Tamén o apoio de Isaac Díaz Pardo, que deseñou os pratos conmemorativos; ou dos xornalistas Pepe Varela, de La Voz de Galicia en Ferrol, e Ramón Barro, natural de Ortigueira e naquela altura directivo de TVE, que facilitou a aparición do festival na canle, lembra Garrote. 

Por Ortigueira pasarían ao longo dos anos todos os grandes músicos da revolución da música folk galega que logo a levarían polo mundo adiante, tamén referentes da escena internacional procedentes doutros países, acrecentando o diálogo que “unifica un pouco o sentimento de ser do mesmo eixe cultural”.

O orgullo de ser parte
Luz Polo viviu o comezo de todo sendo aínda unha cativa. Foi alumna desde a súa creación da Escola de Gaitas, pioneira na incorporación das mulleres e das nenas a este instrumento, que ata o momento tocaban case exclusivamente os homes. Hoxe compartiu as súas lembranzas do nacemento dunha actividade que levou a Ortigueira xente de variadas orixes e modos de vida que nunca antes vira, e que foi posible grazas á implicación de toda a veciñanza. 

“A primeira edición consistiu nunha única tarde de domingo. Colleunos por sorpresa a cantidade de xente que se xuntou no patio do colexio, fundamentalmente da comarca. Nada máis empezar a actuar a Escola de Gaitas comezou a caer o diluvio universal”, rememora. “Agora todo está máis institucionalizado e profesionalizado, pero daquela todo o mundo participaba directa ou indirectamente na organización, era moi participativa. As cociñeiras que preparaban a comida no colexio durante o período escolar tamén viñan cociñar para os grupos musicais”, continúa.

Tantos anos despois, o Festival de Ortigueira segue a ter para ela un valor especial. “Xerou un sentimento de pertenza en nós porque colaboramos activamente na súa organización naqueles anos. Non se trata dun mero sentimento de orgullo por que se celebre na miña vila, senón porque formei parte do grupo de xente que puxo Ortigueira no mapa”, comparte.

A festa da chorima da Bretaña
A propósito da Fête des Fleurs d'Ajonc, que se lle dedica á flor do toxo en Pont-Aven desde 1905, o profesor Botrel sintetiza as claves do impacto do Festival de Ortigueira que detalla Luz Polo. “Non toda a tradición que se inventa ten éxito. Que se consiga ten que ver co que agarda tanto a comunidade que a organiza coma os espectadores”, sinala o hispanista. No caso do festival folclórico máis antigo da Bretaña, creado polo cantautor Théodore Botrel (con quen casualmente o profesor comparte apelido), confluíron o interese do Concello en promocionalo co dos veraneantes que gozan dunha proposta que ofrece “unha imaxe amable e coloreada, mesmo un pouco exótica, da Bretaña”. Pero cando xurdiu esta cita que se centra na exhibición dos traxes e das danzas tradicionais —e que se mantén sen apenas cambios desde entón—, funcionou tamén como “unha maneira de manifestar a diferenza para co estado central cando o rexionalismo bretón estaba a cobrar forza”. “É un xeito de mostrar que somos distintos”, resume o profesor.

Botrel declárase “bretón dos pés á cabeza” e reivindica o nexo, en parte real en parte inventado, que o une con outras culturas que se asoman á mesma porción do Atlántico. “Sinto unha simpatía moi especial por Galicia e Asturias. Ese sentimento de irmandade que temos, aínda que sexa un pouco mítico, non é só unha idea. Encárnase a miúdo en iniciativas festivas que seguen a funcionar, como son os irmandamentos entre vilas de Galicia e da Bretaña, ou o propio Festival de Ortigueira. Paréceme estupendo contribuír a construír e cultivar unha Europa un pouco distinta, non só fixada no centro de Europa, senón que tamén teña en conta a periferia”, conclúe.