O escritor Xosé Neira Vilas recibe a Medalla de Ouro de Galicia

Xosé Neira Vilas, membro da Real Academia Galega desde 2001, vén de ser recoñecido coa Medalla de Ouro de Galicia. O creador de Memorias dun neno labrego, obra que leva vendidos máis de 600.000 exemplares na súa versión orixinal en galego, recolleu esta mañá a distinción nun acto celebrado en Santiago de Compostela.
Xosé Neira Vilas
Neira Vilas interven no acto das Medallas de Galicia. Foto: ECG


Nado en 1928 en Vila de Cruces, Neira Vilas emigrou a Buenos Aires en 1949, onde entrou en contacto cos intelectuais galeguistas do exilio e iniciou un intenso activismo cultural. En 1961 publicou Memorias dun neno labrego, a obra máis lida e tamén a máis traducida da literatura galega, con versións en castelán, francés, inglés, alemán ou ruso, entre outros idiomas ata chegar case á vintena. Ese mesmo ano trasladaría a súa residencia a Cuba, onde fundou en 1969 a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiría durante vintedous anos. En Cuba, onde viviu máis de tres décadas, desenvolveu tamén a maior parte da súa produción literaria. En 1994 regresou a Galicia xunto á súa dona, Anisia Miranda, para viviren no seu Gres natal.

O labor cultural de Neiras Vilas foi recoñecido coas distincións de doutor honoris causa pola Universidade da Coruña e pola da Habana, co Premio Crítica Española na modalidade de narrativa, o da Crítica Galega na modalidade de ensaio, a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra ou o Premio Trasalba, entre outros galardóns. Xunto a Neira Vilas, a Xunta de Galicia premiou tamén na última edición das Medallas de Galicia o oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio, o deportista David Cal e, a título póstumo, o xornalista Enrique Beotas, falecido no accidente ferroviario de Angrois.