O consello consultivo para o idioma frisón coñece o funcionamento da Academia

O presidente da Real Academia Galega recibiu hoxe a delegación de membros do consello consultivo para o idioma frisón, DINGtiid, que visita estes días Galicia para coñecer a realidade do galego e dos distintos axentes institucionais implicados no seu estudo e promoción. Víctor F. Freixanes explicoulles aos visitantes as responsabilidades da RAG en materia de normativa recoñecidas na Lei de Normalización Lingüística e o funcionamento interno das distintas seccións da Academia, e compartiu con eles a preocupación por atraer cara ao idioma propio a mocidade.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e os membros da delegación do consello consultivo para o idioma frisón posan ás portas da Academia


"Dende as linguas minorizadas temos que facer un esforzo importante para conectarnos coa modernidade. As novas xeracións deben ser capaces de identificarse co idioma, que ten que ser unha ferramenta de comunicación para estar no mundo", expresou Víctor F. Freixanes no encontro mantido con Hanny Elzinga, Freddy Weima, Hedzer Klarenbeek, Anne Popkema, Froukje Sijtsma, Tjallien Kalsbeek e Durk Gorter. "Coidamos que existen moitas similitudes entre a situación do galego e do frisón", coincidiu Freddy Weima.

O goberno dos Países Baixos aprobou en 2014 unha lei que recoñece a cooficialidade do frisón, xunto ao holandés, na provincia de Frisia, situada ao norte do país. Neste marco xurdiu DINGtiid, ao que se lle asignan deberes legais para protexer e promover o frisón. A visita a Galicia dos seus membros pretende servir de inspiración tanto para mellorar as infraestruturas do coñecemento da lingua como as estratexias de normalización.