O último volume do Boletín da Real Academia Galega, editado co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, recompila as tres alocucións dos académicos Clodio González, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros pronunciadas no pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de 2019, que se celebrou o 17 de maio pasado na carballeira de Famelga (Cerdedo Cotobade), diante da escola rural onde Antonio Fraguas deu os primeiros pasos para descubrir o mundo. Os textos poden lerse tras as achegas que se avanzaron no Simposio Antonio Fraguas, coorganizado a finais de novembro do ano pasado pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego (MPG), tres institucións das que Antonio Fraguas foi membro destacado. Entre eles, figura outro texto do profesor Díaz-Fierros sobre a paisaxe na obra de Fraguas; un artigo sobre as contribucións do etnógrafo ao coñecemento da mitoloxía popular galega de Antonio Reigosa e o percorrido pola súa traxectoria vital ofrecido na xornada inaugural por María Xosé Cerviño, colaboradora de don Antonio no MPG dende a súa fundación.
Francisco Durán e Valerià Paül Carril profundan no Fraguas xeógrafo; Camiño Noia Campos no seu perfil docente; Francisco Calo Lourido e Felipe Arias Vila abordan os antecedentes, as achegas de Fraguas e as posteriores no eido da arqueoloxía; Manuel Mandianes e Clodio González asinan outros dous traballos sobre a etnografía antes e despois de Fraguas e Cristina Sánchez-Carretero e Xosé C. Sierra Rodríguez céntranse na situación e as perspectivas de futuro da etnografía e a antropoloxía.
Colección Benito Soto
A Real Academia Galega tamén conmemorou en 2019, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o setenta aniversario da colección de poesía Benito Soto, a primeira que publicou literatura en galego tras a guerra civil. A celebración, que tivo lugar o pasado 22 de novembro no Museo de Pontevedra, combinou o recitado de poemas dos escritores implicados naquela aventura editorial co nome do pirata da Moureira con tres olladas á colección e ao seu contexto a cargo das investigadoras Ana Acuña e Patricia Arias Chachero, e do académico Xesús Alonso Montero. Os seus artigos poden lerse agora no Boletín 380. Ana Acuña relaciona a colección poética de 1949 coa colección Hipocampo Amigo (1992) e a revista Olga (2016) a través do fío común do editor, o académico correspondente Sabino Torres. Patricia Arias Chachero indaga na relación entre Aquilino Iglesia Alvariño e os homes da Benito Soto e Xesús Alonso Montero repasa a ideoloxía política do grupo de mozos pontevedreses implicados na creación da colección.
Versos inéditos de Pondal á irmá morta
O profesor Juan Félix Neira Pérez tamén participa no novo Boletín coa presentación dun poema inédito de Eduardo Pondal dedicado á súa irmá Eduarda, quen faleceu en Muxía en 1853 cando pasaba uns días en compaña de Rosalía de Castro, co gallo da romaría da Barca. Os versos foron escritos polo bardo anos despois (1879) na mesma vila o día de santo Eduardo (13 de outubro).
O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, asina outro traballo no que analiza a variación -i / -e en final de palabra no marco da evolución do sistema lingüístico galego-portugués durante o período 1250-1350, a partir dunha mostra ampla de textos de distinto tipo, en prosa e verso, literarios e documentais.