Xulio Ferreiro, acompañado do Tenente Alcalde e responsable da área de Cultura, José Manuel Sande, realizou no día de hoxe unha visita institucional á Real Academia Galega, onde foi recibido polo Presidente da Institución e os membros da Comisión Executiva, Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Margarita Ledo.
Tanto o Presidente da Academia coma o Alcalde manifestaron o desexo de que se intensificase a colaboración entre ambas as institucións procurando liñas de actuación conxunta, como pode ser a celebración do centenario da fundación das Irmandades da Fala, efeméride que se conmemora no vindeiro ano 2016.