Tribuna

Novo informe do Consello de Europa

Desde os inicios do século (2001), vénse celebrando o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, unha iniciativa promovida polo Consello de Europa. Segundo esta organización, coa dita celebración preténdese promover o multilingüismo no vello continente, animando a máis de setecentos millóns de europeos a aprender outras linguas dentro e fóra da escola, na convicción de que “a diversidade lingüística é unha ferramenta fundamental para conseguir unha maior comprensión intercultural e un elemento fundamental do rico patrimonio cultural do noso continente”. A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM ou ‘Carta’) é un instrumento xurídico central da política lingüística europea. A Carta foi acordada en 1992 e ratificada polo Reino de España en 2001, precisamente o ano que comezou a celebrarse o Día Europeo das Linguas. Máis de cincuenta países europeos están adheridos a ela.

Como foi comentado nunha Tribuna anterior, ao ratificar a Carta, o Estado Español comprometeuse a un conxunto de medidas de defensa e promoción das linguas faladas nos seus distintos territorios e á salvagarda dos dereitos dos seus falantes. Por exemplo, no campo da educación, España obrigouse a establecer unha liña educativa en galego, catalán e éuscaro desde o ensino infantil ata a Universidade, previsión que nunca se cumpriu no noso caso. Un Comité de Expertos encárgase de verificar o cumprimento das obrigas de cada estado signatario da CELRM, e, se detecta incumprimentos, sinalalos e propor recomendacións. Coma tal, a inexistencia dunha liña educativa en galego foi reiteradamente denunciada por ese Comité, que, coherentemente, criticou con dureza o Decreto chamado do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta de Galicia en 2010 e vixente aínda na actualidade.

Fai exactamente un ano folgabámonos do acordo tomado polo Parlamento español para recoñecer plenamente o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións e documentos. O ano en curso, a celebración deste Día ofrece a oportunidade de tomar nota das observacións e recomendacións do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, recollidas no seu sexto informe sobre España, que acaba de vir a lume. Ofrecemos a seguir un breve resumo dos aspectos máis importantes deste informe que atinxen o galego (o informe completo está aquí: https://rm.coe.int/spainecrml6-en/1680b1b32d).

Recomendacións para o galego
Comezando pola súa situación na propia Galicia, o devandito informe recolle as seguintes recomendacións de actuación inmediata: 1) Eliminar as limitacións que impiden utilizar o galego como lingua vehicular en materias de ciencias; 2) Adoptar medidas para garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios; 3 ) Garantir que os falantes de galego poidan relacionarse en galego coas dependencias locais da Administración do Estado; 4) Velar por que os tribunais leven a cabo os procedementos penais, civís e administrativos en galego a instancia de parte, e adoptar medidas para que isto se cumpra na práctica. 

Outras recomendacións son: garantir que o ensino en galego estea dispoñible en todos os niveis apropiados, de conformidade co instrumento de ratificación (isto é, establecer unha liña de ensino en lingua galega desde o primeiro ensino ata a Universidade); facer un seguimento pormenorizado do uso do galego nos procedementos penais, civís e administrativos; desenvolver un programa informático que contemple a posibilidade de utilizar formularios, modelos ou documentos en galego para asistir eficazmente no proceso xudicial, así como proporcionar á cidadanía canles de comunicación coa administración de xustiza en galego. Como se bota de ver, o foco ponse, coma en informes anteriores, dunha parte na educación, e doutra parte no ámbito xudicial. 


O dito informe tamén se refire ao galego falado fóra de Galicia. Así, en relación ao galego de Asturias, tamén chamado galego-asturiano, denuncia que “os esforzos para promover acordos institucionais entre Comunidades Autónomas [isto é, con Castela e León e con Galicia] nunca recibiron o apoio das autoridades e organismos competentes de Asturias”. Canto ás recomendacións, recóllense: 1) Recoñecemento do galego-asturiano como lingua oficial no Estatuto de Autonomía de Asturias; e 2) Establecemento de vías de cooperación coas Comunidades Autónomas veciñas en que se utiliza o galego. Outras recomendacións: 3) Medidas para desenvolver o uso do galego-asturiano na educación infantil e aumentar a oferta na educación secundaria e 4) Aumento da súa presenza nos medios de comunicación.

Sobre o galego na Comunidade Autónoma de Castela e León, isto é, no Bierzo e na comarca de Seabra, as principais recomendacións son: 1) Creación dun mecanismo para asesorar as autoridades en todo o relativo ao galego. 2) Dotación de financiamento específico ás organizacións que apoian a protección e promoción do galego en Castela e León, 3) Desenvolvemento do uso e a presenza do galego nos programas de televisión e radio, nos medios impresos e nos medios de comunicación en liña en Castela e León. Finalmente, sobre a Fala de Cáceres, recoméndase fornecer formas e medios para o ensino e o seu estudo na educación ordinaria, desenvolver o seu uso e presenza nos programas de televisión e radio, nos medios impresos e na Internet en Estremadura, dotar de fondos específicos as organizacións as organizacións que a defenden e a promoven, apoiar os traballos iniciados para a elaboración dunha ortografía común da Fala e establecer un mecanismo para asesorar as autoridades en todo o relativo á Fala.


As institucións do Estado
Canto ás institucións do Estado, entre outras cousas, reclámase a adopción de “medidas para garantir o ensino en aranés, catalán / valenciano e galego en todos os niveis adecuados, respectivamente nas Comunidades Autónomas de Cataluña, Baleares, Comunidade Valenciana e Galicia, de acordo co instrumento de ratificación”. Os respectivos gobernos deben tomar nota, así como as autoridades xudiciais, pois estas últimas son as primeiras en incumprir a Carta e ao mesmo tempo en entremeterse nas competencias dos poderes lexislativo e executivo en materia de política lingüística.

O informe é especialmente enfático en esixir “que a lexislación garanta que os tribunais leven a cabo os procedementos penais, civís e administrativos en galego [e nas outras linguas oficiais] a pedimento dunha das partes, e tomar medidas para asegurar que isto se cumpre na práctica”. 
Finalmente, sen esgotar o importante contido do informe do Consello de Europa, cómpre lembrar a referencia ás linguas autóctonas que non teñen o status de oficialidade nos territorios en que son faladas. Así, pídense medidas “para protexer e salvagardar o amazigh, o aragonés, o catalán / valenciano, o dariya, o leonés e as súas respectivas culturas nas comunidades autónomas de Aragón, Castela e León, Murcia e as cidades autónomas de Melilla e Ceuta”.  

O Día Europeo das Linguas ofrece un motivo de celebración, mais tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade. As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma.

Henrique Monteagudo
Coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG