Tribuna

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) é un código para a protección das comunidades minorizadas promovido polo Consello de Europa (CE). Este organismo, do que forman parte a práctica totalidade dos estados europeos, ten como obxectivo promover a democracia, os dereitos humanos e a identidade cultural europea. A Carta foi asinada e ratificada pola maior parte dos membros do CE e ten carácter de tratado internacional, polo que a súa ratificación debe ser aprobada polo Parlamento de cada Estado, adquirindo así carácter de lei, cun rango xurídico superior á lexislación ordinaria do propio Estado. A CELRM contempla uns compromisos de carácter xenérico sobre o recoñecemento das linguas e o respecto dos dereitos das e dos seus falantes, e outros máis concretos no ensino, as administracións e os servizos públicos, os medios de comunicación, as actividades culturais e a vida económica e social. Todos os estados signatarios se obrigan a aplicar os compromisos xerais, mentres que os concretos están graduados por niveis, do mínimo ao máximo e, no momento da ratificación, os estados deciden cales asumen e a que nivel, ademais das linguas a que se aplica a Carta.

O Estado español ratificou a CELRM en 2001, gobernando o Partido Popular con maioría absoluta, e elixiu o nivel máximo de compromisos en todos e cada un dos ámbitos contemplados. Isto, entre outras cousas, obriga a establecer unha liña de ensino total ou maioritariamente en galego, catalán e éuscaro, desde o preescolar ata a universidade. Podería terse optado por niveis menos esixentes, pero o certo é que se optou polo nivel máximo. A Carta non prevé un réxime de sancións por incumprimento, pero si avaliacións periódicas, realizadas por unha Comisión de expertos, que elevan informes sobre a súa aplicación ao Comité de Ministros do CE. Ata 2010 a dita Comisión sinalou que en Galicia o devandito compromiso non se cumpría, pero que se verificaban avances. A partir da aprobación do Decreto do Plurilingüismo, os informes da Comisión de expertos veñen denunciando o incumprimento flagrante da Carta, ata o punto de que en 2019 o Comité de Ministros do CE acordou recomendarlles ás autoridades españolas que adoptasen con carácter prioritario as seguintes medidas: “1. Modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso dos idiomas cooficiais nos procedementos xudiciais a pedimento dunha das partes. 2. Mellorar o uso das linguas cooficiais na administración do Estado nas Comunidades Autónomas. 3. Eliminar as limitacións do ensino do galego en Galicia e do valenciano/catalán en Valencia.”

Servirán estes acordos de algo? Está por ver. Tendo en conta que incluso a xudicatura española está ignorando a Carta de xeito sistemático, probablemente algún día serán os tribunais europeos os que terán que pronunciarse. 
 

Henrique Monteagudo
Coordinador do Seminario de Sociolingüística