Tribuna

Non perdamos a oportunidade

Hai un ano escribiamos nesta tribuna un texto que pretendía resaltar os traballos que en distintos lugares, tanto nas fronteiras administrativas coma na diáspora, se desenvolvían e desenvolven para pór en valor o patrimonio material e inmaterial de Galicia. Diciamos daquela que o capital humano espallado polo mundo adiante non podía esquecerse e cumpría intelixencia e sensatez para poñelo en valor e motivar propósitos frescos que contribúan na potenciación do sentimento de pertenza nas novas xeracións. Iso xa, actualizando estratexias para facelas atractivas para os máis novos.

Chegado este 2024, a figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas pola máxima institución cultural da nosa terra, xestou múltiples actos de respecto e concitou moreas de adhesións que poderiamos simbolizar nun largo e longo ronsel de ilusións no que cómpre mergullármonos para espertar identidade, pensar futuro e estimular conciencias.

O seu perfil polifacético, fondamente estudado por diferentes autores e autoras, ten no compromiso docente e no activismo denominadores comúns que precisan salientarse. Tal e como deixa patente Ana Romaní na biografía que asina na web que acolle estas liñas, Luísa concibiu a educación como espazo de liberdade e corrección das desigualdades, principios estes que encheron o seu pentagrama de esperanza.

Abofé, a escola debe ser un espazo de provocación, un emprazamento que impulse memoria, dinamismo, reflexión, autoanálise, mesura, creatividade e un vizoso porvir. Colexios que esquezan ríxidos programas e proxecten modernas dinámicas de interese para o alumnado, que afonden nas súas capacidades diferenciadas, que asenten o seu quefacer nos valores e no humanismo.

A nosa lingua ten hoxe a posibilidade de habitar en pé de igualdade se sabemos ollar o presente coas lentes multifocais dos nenos, nenas e adolescentes e guindamos de vez a opacidade de anteollos que empregan a “experiencia” para coutar avances. Precisamos moitas “luísas”, persoas que con docencia abran cancelas e refresquen motivacións acotío, sen desfalecer e –reiteramos, hoxe máis ca nunca– cun plan de traballo que se somerxa nas afinidades e interiorice diversidades sen sentírmonos menos ca ninguén.

Vaian estes caracteres -escritos dende estoutra beira, que segue viva e quere (debe) estar, grazas á sensibilidade dos adultos, e que propaga un facho de certeza coas achegas da xuventude- para animar os colectivos galegos, sociais, culturais e políticos de todos os currunchos do planeta a seguir ideando ideas da Galicia ideal.
 

Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro
Académico correspondente e director do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo