Nélida Piñon, no centro da imaxe, posa cos premiados, membros do xurado, representantes das institucións que convocan o galardón e as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey. Fonte: Concello de Cercedo-Cotobade
O xurado do premio convocado polo Concello de Cercedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra destacou "a arquitectura da trama" de "Anatema", un relato situado en Santiago de Compostela cunha "elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final". O certame está dotado con 4.000 euros para o primeiro premio e 1.000 euros para cada un dos dous accésits, e contempla ademais a publicación das obras distinguidas.
O Premio de Relato Breve Nélida Piñón foi creado para promover as obras de novos escritores e escritoras e renderlle tamén homenaxe á escritora da que toma o seu nome. As académicas de número Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey participaron en representación da Real Academia Galega na entrega dos galardóns desta segunda edición, coa que se inauguraron as III Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais Cuspedriños10.
Na súa intervención, o alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, comprometeuse a seguir a traballar na posta en valor e difusión da figura de Nélida Piñon. O rexedor tamén amosou a intención do concello de afondar na divulgación do legado de Antón Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), a quen a Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas 2019.