“Escribir en galego vivindo en Galicia é pois un acto político de resistencia e tamén un acto de amor”, expresou a arquiveira-bibliotecaria da RAG, quen foi ata a súa xubilación catedrática de Didáctica das Ciencias da USC. “Non hai linguas superiores ou máis fermosas que outras, todas son fermosas, posúen valores estéticos e patrimoniais, merecen ser preservadas, coñecidas e faladas”, engadiu.
O reitor Antonio López salientou a traxectoria académica, literaria e persoal de Marilar Aleixandre como exemplo de inserción nunha lingua e nunha cultura coma a galega, conseguindo ademais “abrirlle camiño ao galego no ámbito das ciencias”.
En representación da Academia asistiu ao acto a secretaria da institución, Margarita Ledo. A cineasta foi na pasada edición a primeira muller en recibir o Premio Luís Porteiro Garea.