Marilar Aleixandre recolle o Premio Nacional de Narrativa

Marilar Aleixandre recolleu este xoves o Premio Nacional de Narrativa nunha cerimonia na que foron entregados todos os galardóns concedidos nas distintas categorías polo Ministerio de Cultura correspondentes ás edicións de 2022 e 2023. A académica fíxose con este recoñecemento na convocatoria de 2022 con As malas mulleres, unha novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, cun "admirable dominio do diálogo e da linguaxe", en palabras do xurado.

A arquiveira bibliotecaria da RAG participou na cerimonia celebrada no Museo Reina Sofía, clausurada por Felipe VI, canda os demais premiados.

As malas mulleres (Galaxia, 2021) é unha historia a varias voces de mulleres. A de Sisca, unha presa de 15 anos, e as de figuras como Concepción Arenal e Juana de Vega. Nela Marilar Aleixandre recupera a memoria “dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria”, destacou no seu día o xurado. A novela fora anteriormente a obra gañadora do Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e Galaxia publicouna un ano despois. 

Marilar Aleixandre suma o Premio Nacional de Narrativa a unha longa lista de galardóns. Entre outros, mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos. Este outono recolleu tamén o Premio Luís Porteiro Garea de normalización lingüística na universidade que concede a USC.