O xurado do galardón, organizado pola Deputación de Ourense coa colaboración da Fundación Eduardo Blanco Amor, estivo composto nesta edición por Luís González Tosar, María Canosa, Avelina Rodríguez, Luciano Rodríguez e Xan Carballa. N'As malas mulleres, Marilar Aleixandre, salientan, "incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato", e recoñece o labor de Concepción Arenal, visitadora de prisións, e de Juana de Vega para mellorar a situación das presas. A entrega do premio celebrarase no pazo da Deputación de Ourense o 1 de decembro, cadrando co 41 cabodano de Eduardo Blanco Amor.
Marilar Aleixandre é bióloga, catedrática ad honorem de Didáctica das Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela e escritora. Como creadora literaria, colleitou numerosos premios e viu traducida a súa obra ao portugués, castelán, chinés, catalán ou éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.