Margarita Ledo presentando o libro-dvd sobre Manuel María, acompañada de Nemesio Barxa, na libraría Númax de Santiago. Foto: RAG
Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra arrinca cos versos de "Chao", no que o poeta anticipa a súa morte. Paulino Pereiro púxolle música e Miguel Anxo Fernán Vello, a voz a este poema escrito por unha figura "fundamental para min e a miña xeración", mais tamén pioneira da súa propia, a Grande Xeración, en palabras de Darío Xohán Cabana, unha xeración que traballou para "resucitar a lingua", recoñeceu Ledo. Tras este comezo, explicou, o documental pasa a ser un filme múltiple, como o era o propio Manuel María, cuxa voz grave é recuperada a través de distintas gravacións para fiar un relato que conxuga imaxes de diferentes fontes, motivos e épocas, e mais outras filmadas por Ledo en escenarios e lugares que o evocan. A académica insistiu no carácter polifacético de Manuel María e instou o público a trascender "determinados estereotipos" sobre el que ocultan o "grandísimo potencial dunha das alfaias" da nosa cultura.
Ledo presentou o libro-dvd xunto a Nemesio Barxa, cofundador de Nós Produtora Cinematográfica Galega, produtora do filme. Barxa lembrou as orixes deste proxecto nos anos 70 e os tempos nos que Manuel María coñeceu a Margarita Ledo, parte dunha nova xeración de poetas aos que lles abriu camiño publicando as súas obras na editorial Xistral, que fundara no ano 1952. E foi tamén o encargado de ofrecer un achegamento aos distintos textos do libro que acompañan o documental nesta edición, que asinan a propia Margarita Ledo, Miguel Anxo Fernán Vello, Paulino Pereiro e Carme Vidal, que traballou en distintas fases do documental; así como polo escritor e académico Darío Xohán Cabana, quen traza un relato biográfico de Manuel María. O resultado, a xuízo de Barxa, é "unha aproximación tan bonita e tan real ao noso Manuel María como non ían tirar doutro libro".
O libro-dvd, de cuxo deseño se encargou Laboratorio Númax e con subtítulos en español e inglés, presentarase na Coruña o vindeiro venres, 4 de marzo, na libraría Berbiriana (rúa Santiago, 7) ás 19.30 horas. Desta volta, Margarita Ledo estará acompañada por Miguel Anxo Fernán Vello e Mercedes Queixas.