O xurado, que lle outorgou á académica por unanimidade o recoñecemento, estivo composto polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; as profesoras Marta López Alonso, Rosa Crujeiras Casais e Rita Gradaílle Pernas, en representación das comisións de normalización lingüística de Lugo, Santiago de Compostela e do claustro universitario, respectivamente; e mais o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. Na súa resolución destaca da que foi catedrática de Comunicación Audiovisual o compromiso “incuestionable coa lingua galega” e que “atravesa de parte a parte a súa traxectoria vital e profesional”.
“Como decana puxo en marcha unha Facultade de Ciencias da Comunicación que liderou dende os seus inicios ata a actualidade o primeiro posto en canto a horas de docencia en lingua galega, unha presenza que se mantén ano a ano por riba do noventa por cento”, apunta o xurado. Ademais, engade, Margarita Ledo dirixiu máis dunha ducia de teses de doutoramento, a inmensa maioría delas en lingua galega e moitas relacionadas con cuestións relativas á cultura e lingua de Galicia. As súas liñas de investigación céntranse na produción e no acceso a bens culturais dende a diversidade e traballou en programas europeos que promoveron que se subtitulen obras audiovisuais en linguas non hexemónicas, entre outros méritos.
A entrega do Premio Luís Porteiro Garea terá lugar o vindeiro 29 de setembro nun acto institucional que se desenvolverá no paraninfo da USC.