Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, é coordinador do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e presidente da Asociación PuntoGal.
Os Premios Peña Novo creáronse para recoñecer o labor, tanto individual como colectivo, de persoas, entidades e empresas que traballan para que a lingua galega se consolide no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Xunto a Manuel González González, a Fundación Lois Peña Novo premia tamén nesta vixésimo cuarta edición dos galardóns a escritora María Xosé Queizán Vila, en recoñecemento "a unha traxectoria vital de compromiso coa lingua e a cultura galegas", e o xurista Xesús Costas Abreu, "polo seu compromiso coa defensa da lingua galega no ámbito da administración local".