Luz Pozo Garza presentou Pazo de Tor en Portas Ártabras. Fonte: RAG
A autora presentou Pazo de Tor (Alvarellos Editora) este xoves en Portas Ártabras (A Coruña) acompañada do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, autor do limiar, a editora literaria do libro, a profesora Carmen Blanco, e o editor, Henrique Alvarellos.
"Pazo de Tor é un poemario dun vello pazo pero é fresco e rompedor", valora o responsable do selo que publicou as últimas obras de Luz Pozo Garza. Un libro "luminoso e cheo de esperanza" que, engade Víctor F. Freixanes, como toda a poesía da autora é "unha busca esencial cara á transcendencia". "Non é libro de ferida, senón de resurreción interior que, en certa maneira, reactiva todos os libros anteriores", engade no limiar.
Nesa viaxe ás raíces, a poeta abre Pazo de Tor coa dedicatoria á "Nai tan querida" e péchao co poema "evocador do misterio da vida intacta de Luz Garza [a proxenitora da autora], reescrita moi especialmente por e para a descendencia feminina", salienta Carmen Blanco. Este libro culmina así a que a profesora da USC denomina a "poética materna" de Luz Pozo Garza, e responde tamén á poética de "total transparencia azul" da súa última etapa creativa.