Luz Pozo dedícalle un poema a Fausto Galdo

A académica de número Luz Pozo Garza dedícalle un poema ao académico correspondente Fausto Galdo con motivo do seu recente pasamento.
Fausto Galdo na  homenaxe a Nicomedes Pastro Díaz celebrada na Academia
O doutor Fausto Galdo, primeiro pola esquerda, durante a homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz celebrada na Academia o 1 de decembro de 2011


A continuación reproducimos o poema elexíaco que a poeta da mariña luguesa e académica de número Luz Pozo Garza lle dedica ao seu amigo, o doutor e académico correspondente Fausto Galdo, con motivo do seu pasamento:

VIVEIRO CHORA A FAUSTO

Hoxe o Nordés bate na morte túa. E batirá con furia pola aurora.
Querido Fausto, meu amigo. Ben seguro que o mar bate na ponte.
Ben seguro que os montes xa declinan. Os cumios do Castelo e de
San Roque cubren a face co fulgor da lúa para fuxir do tránsito das
sombras. Querido Fausto, como xa pertences á dimensión do azul
onde Deus mora, miras abaixo , miras e divisas o teu espacio amado
que, orfo da túa presencia alta e humana, desvalido chora. E o río
Landro deslízase abatido para chorar de amor nas tristes ondas.
E na praza, o centro primordial desa existencia viveirense túa
-Cantón de abaixo- danse cita de loito todos os que te amaron,
querido Fausto,
que son todos: benquerida Fernanda, a túa dona,Quico, os fillos:
Tomás, Froilán e Nana, a familia toda. As irmás, amigas moi queridas:
Amalia, Encarna, Lola, Pila,Marifina e Pacola que está na agarda túa,
xa con Tomás na Gloria.
Unha pregaria o corazón suplica nesta hora.

A Coruña. 6 de novembro de 2012
(impromptu emocional da vella amiga)

Luz Pozo Garza