Víctor F. Freixanes salientou na súa intervención a importancia que ten a figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) para a cultura galega ao longo da segunda metade do século XX. “É unha referencia fundamental para todos nós, parte dese grupo de persoas que dende o exilio interior mantiveron acesa a dignidade e a esperanza. Todos somos fillos e continuadores deles”, destacou o presidente da RAG nunha cita na que compartiu mesa coa anfitrioa da celebración, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
“Don Paco foi o mellor embaixador do noso pobo”, definiu a rexedora, que lembrou que Del Riego, con só 18 anos, pronunciou o 25 de xullo de 1931 o seu primeiro discurso galeguista en público dende o balcón do pazo consistorial.
O presidente da RAG agradeceu a implicación e o entusiasmo da veciñanza de Lourenzá na celebración do ano que comeza, no que a institución estará moi presente na terra natal do editor, ensaísta e crítico literario, cofundador da editorial Galaxia e promotor de moitas outras iniciativas de a prol da lingua e da cultura galegas.
A Real Academia Galega ten previsto iniciativas de divulgación da figura e do legado de don Paco dirixidas a públicos de distintas idades. A institución volverá proximamente a Lourenzá para presentar a nova edición de Primavera das Letras –o proxecto que dedica ao público infantil¬ na que a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo son as encargadas de contarlles aos pequenos e pequenas da casa a vida do homenaxeado. Tamén producirá, da man de Miramemira, unha serie documental web sobre o autor e editará a súa correspondencia con Ramón Otero Pedrayo, ademais de celebrar o habitual simposio das Letras Galegas tras o verán.