Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros reciben as Medallas de Honra do Consello da Cultura

A académica de honra estadounidense Kathleen March e o académico de número Francisco Díaz-Fierros recibiron este martes as Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega en recoñecemento ás súas destacadas contribucións á cultura galega e ao desenvolvemento da actividade da institución. A filóloga Ana Luna e o historiador Ramón Villares, actual director da Sección de Historia da RAG e expresidente do CCG, foron os encargados de lles das resposta aos seus respectivos discursos.

Pola esquerda, Ramón Villares, Kathleen March, Rosario Álvarez, Francisco Díaz-Fierros e Ana Luna. Fonte: CCG

Kathleen March reafirmou na súa intervención o seu compromiso cunha lingua da que ninguén lle falara antes de chegar a Santiago de Compostela a finais dos anos 70 e manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento do proxecto Seara, o portal de tradución da literatura galega ao inglés, que arrincou baixo a súa coordinación en 2023 co propósito de “crear seareiros, afeccionados á cultura na poboación anglofalante”.

Pola súa banda, Francisco Díaz-Fierros salientou que a tarefa primordial que se propuxo como membro do CCG foi a de “tentar clarificar e dotar de contido cultural a ciencia e a técnica galegas”. O científico foi o membro máis lonxevo do plenario do Consello, do que formou parte de forma interrompida durante 35 anos.