Na xornada dedicada a Álvarez Blázquez, que se celebrará no seu Tui natal o vindeiro 15 de setembro, Darío Xohán Cabana recordará o tempo compartido co homenaxeado nos anos 70 como colaborador de Edicións Castrelos. Na colección Pico Sagro desta editorial, creada polo propio Álvarez Blázquez, sairía á luz Canle segredo en 1976, dúas décadas despois de merecer o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires.
ISE NENO DA RÚA
NON É CERTO que os nenos teñan fame.
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos coches
ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas, -viva, beba,baba, buba!-
sin reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
nunha porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así, petando pola vida.
-Non, home, non! –lle dixen a un de aqueles-.
A xente pasa leda… Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!
O escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo de Álvarez Blázquez, participará tamén na xornada de homenaxe cunha intervención centrada en Canle Segredo e a investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña Trabazo achegará Novas vías para o (re)coñecemento da vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez. A académica Margarita Ledo moderará a mesa.