Homenaxe a dúas vidas de “paixón e rigor” no estudo e defensa da lingua

Cando Ramón Lorenzo e Antón Santamarina comezaron as súas carreiras no campo da filoloxía, a bibliografía citable para o galego non chegaba á media ducia de rexistros, ningún deles no idioma do país. Medio século despois, a situación é ben diferente, e  parte do mérito é de ambos os dous catedráticos, membros da Real Academia Galega (RAG) e fundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG). O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica acolleu onte unha sesión de homenaxe en recoñecemento ás súas traxectorias.
Ramón Lorenzo e Antón Santamarina
Pola esquerda, Ernesto González, Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez, Ramón Lorenzo, Juan Viaño, Antón Santamarina, Valentín García, Ramón Villares e Ivo Castro ao comezo da homenaxe. Foto: A. Hernández (ECG)


"Eles foron e son os nosos mestres", salientou a tamén académica e presidenta do comité organizador, Rosario Álvarez, na apertura do acto. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, pronunciou a laudatio de Santamarina e o profesor Ivo Castro, da Universidade de Lisboa, a de Ramón Lorenzo.

Os homenaxeados teñen dúas personalidades diferentes, pero comparten o "rigor e paixón" no estudo do idioma e unha "fidelidade inquebrantable á causa da defensa e promoción da lingua galega", salientou o actual director do ILG, Ernesto González Seoane, na súa intervención na cerimonia celebrada no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, á que acudiron representantes de distintas institucións, numerosos membros da RAG, investigadores e colaboradores dos protagonistas do acto.

"Se Constantino García tivo, nos duros e difíciles anos do final da ditadura, a audacia non pequena de promover a creación dun instituto universitario centrado na investigación sobre unha lingua que o propio réxime franquista ignoraba, cando non perseguía, a Antón Santamarina e Ramón Lorenzo correspóndelles o mérito de ter sabido encher de contido esa idea, de ter sabido botar a andar o proxecto co seu traballo e co seu exemplo", engadiu González Seoane.

Ramón Lorenzo

Na súa laudatio, Ivo Castro lembrou que Ramón Lorenzo, "filólogo competitísimo", é autor da edición dalgúns dos máis importantes textos da literatura medieval galega, "pezas fundamentais para alicerzar a afirmación de que Galiza tivo na idade media unha poderosa produción literaria e documental". "Mais Ramón Lorenzo non é un mero produtor de edicións críticas (…), é un dos últimos representantes da vella escola de gramáticos históricos que senten a lingua pulsando por baixo das liñas de texto", advertiu. "Máis por riba de todo é un lingüista que coñece a lingua, porque tivo a dupla felicidade de ter nacido e case sempre vivido preto da terra e de ter aprendido o oficio na grande escola lingüística de Madrid, con Lapesa e Dámaso Alonso", proseguiu.

O profesor da Univerdidade de Lisboa puxo tamén de relevo a capacidade de Lorenzo de crear escola, unha cualidade compartida por ambos os dous homenaxeados reiterada nas distintas intervencións coas que se lles rendeu tributo.

Lorenzo expresou na súa resposta a satisfacción por que o ILG, "unha unión de todos pola lingua",Lorenzo: "Resistimos ataques, ás veces foribundos (..). A lingua sempre foi para min fundamental e defendereina ata que morra" siga "a súa singradura sen torcer o rumbo nunca máis" e recordou como resistiu "ataques, ás veces foribundos", pero tamén traballos compartidos con Antón Santamarina, como os primeiros manuais de estudo do galego, editados nos anos 70, ou Diccionario básico da lingua galega (1980), dirixido ao público infantil. "A lingua para min sempre foi fundamental e defendereina ata que morra", rematou tras un repaso pola súa traxectoria académica.

Antón Santamarina

Xesús Alonso Montero fixo viaxar no tempo o auditorio, ata a data do cuarto aniversario de Antón Santamarina, no ano 1946, "o día que naceu para a lingüística galega". Esa noite o seu avó leulle un poema do exemplar dos Aires da miña terra de Curros Enríquez que agochaba baixo unha pedra de cociña. Anos despois, o autor sería tamén motivo de conversa entre o Antón Santamarina adolescente que estudaba no Instituto Masculino de Lugo e o seu profesor Alonso Montero, pouco antes de se matricular na acabada de crear Filoloxía Románica en Santiago, repasou o presidente da RAG nunha laudatio chea de referencias á vida familiar de Santamarina que influirían na súa traxectoria. "En Antón Santamarina ciencia e compromiso, saber e lealdade, rigor e solidariedade van de mans dadas", resumiu.

Santamarina respondeu cun breve percorrido pola recente historia da lingüística histórica e outra tarefa que lle correspondeu xunto a Ramón Lorenzo e outros colegas: planificar o futuro do galego tanto no referente ao seu corpus como ao seu status.Santamarina: "No status da lingua, as cousas non van tan ben. Os políticos non estiveron á altura dos filólogos ou os filólogos fixeron pouca política" No que se refire ás institucións académicas, Galicia cumpriu "moito máis ca discretamente o seu compromiso", pero no status as cousas non van tan ben, advertiu. "Isto demostra que os políticos non estiveron á altura dos filólogos, ou que os filólogos fixeron pouca política", reflexionou.

O acto, amenizado musicalmente por Dous na Fronteira e Mauro Sanín e Alba María, pechouno o reitor da USC, Juan Viaño, quen se referiu aos homenaxeados como claro "exemplo do que é a mellor universidade".