Pola esquerda, Antón Riveiro Coello, Henrique Monteagudo e Francisco Castro na presentación de Carlos Casares. Un contador de historias na libraría Couceiro
Henrique Monteagudo presentou onte na libraría Couceiro de Santiago Carlos Casares. Un contador de historias, un retrato que se vai completando a través das páxinas dándolle voz ao propio biografado, enriquecido coa visión cercana de quen foi o seu amigo durante dúas décadas pero baseado en "información documentada" e opinións doutras persoas que coñeceron ben a súa vida e obra. Con esta biografía, o autor pretende convidar a quen non coñeza a Carlos Casares a se mergullar na súa obra por primeira vez, e a quen xa a leu, a volver ás súas páxinas contando con novos elementos de xuízo, explica o biógrafo, que escolleu para o título do libro a definición que o propio creador escolleu para si mesmo, "un contador de historias".
O volume arrinca coa infancia de Casares en Xinzo, "en contacto coa arte dos narradores orais" que logo manifestaría na súa literatura, e percorre os anos de mocidade en Ourense e logo en Santiago de Compostela, onde se revela como escritor, e continúa cos tempos de consolidación e plenitude como creador e como persoeiro comprometido coa normalización cultural e lingüística de Galicia, faciana que manifestou desde o seu labor como académico, editor, parlamentario ou presidente do Consello da Cultura Galega.
Na presentación da biografía celebrada onte Henrique Monteagudo estivo acompañado por Francisco Castro, director xeral de Galaxia, que define a Carlos Casares como "un xigante da literatura universal"; e o escritor Antón Riveiro Coello, limiao como o protagonista do vindeiro 17 de maio e admirador da súa literatura, á que lle rende tributo na súa última novela, A ferida do vento.