60 aniversario da celebración do Día das Letras Galegas
Víctor F. Freixanes
Presidente da Real Academia Galega
O 20 do mes de marzal do ano 1963, tal como indica o documento que inaugura esta galería, os académicos Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego propoñen no plenario da Real Academia Galega a celebración dun día grande dedicado ao libro e á lingua galega, unha xornada festiva e reivindicativa a prol da cultura e a identidade de Galicia centrada sobre todo no prestixio do idioma. O libro era entón o principal símbolo dese prestixio. A data escollida, o 17 de maio, tiña unha significación especial: facíanse daquela cen anos da primeira edición de Cantares Gallegos, título fundacional do noso Rexurdimento.
A academia asumiu, por unanimidade, a iniciativa. A celebración do primeiro ano consistiu basicamente nunha conferencia de Ricardo Carballo Calero no salón Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, e mais no recitado de catro poetas mozos: Xohana Torres, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño. Tamén houbo actividades en Lugo (Mostra do Libro Galego), Vigo, A Coruña e algunhas outras localidades.
Mais o gran pulo da celebración veu da man do asociacionismo cultural, que daquela empezaba a agromar en toda Galicia, apoiado principalmente na xente nova. A asociación O Galo sacou en Santiago de Compostela os libros galegos á rúa, e axiña outras asociacións seguiron o seu exemplo.
Hoxe podemos dicir que o que empezou sendo un acto académico de relevancia cualitativa se transformou nun acontecemento social que reborda amplamente as expectativas dos primeiros animadores. Entidades comerciais, agrupacións empresariais, medios de comunicación, sindicatos, editoriais, clubs deportivos, centros de ensino de distintos niveis, universidades, grupos políticos etc., ademais das institucións de goberno (Parlamento, Xunta de Galicia, deputacións, concellos), dun xeito ou doutro, participan na celebración por riba de diferenzas ideolóxicas e outros intereses, unha celebración que xa non é un día, senón que atinxe os doce meses do ano.
A galería que ofrecemos quere ser unha mostra cronolóxica do que consideramos o grande acontecemento cultural de Galicia, iniciativa feliz que a Real Academia Galega activa cada ano con distintas propostas, mais que se sostén e medra (tamén fóra das nosas fronteiras administrativas) grazas ao alento da sociedade civil, a ilusión dun país que se recoñece cada vez con máis pulo nos valores da súa identidade e o seu idioma.