Ernesto González Seoane ingresa na RAG como académico numerario o 3 de outubro

Antón Santamarina daralle resposta ao discurso do filólogo, que ocupará a vacante producida polo pasamento do escritor Bernardino Graña

Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) ingresará o sábado 3 de outubro na Real Academia Galega como membro de número. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela pronunciará o discurso titulado Reflexións arredor da prescrición e a descrición no dicionario (académico), ao que lle dará resposta en nome da Academia Antón Santamarina. Será nunha cerimonia que se desenvolverá, a partir das 12:00 horas, no Paraninfo da USC, na Facultade de Xeografía e Historia. A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio. A sesión poderá seguirse ademais en directo desde esta páxina web e a canle de Youtube da RAG.

A elección de Ernesto González Seoane, que cubrirá a vacante producida polo pasamento do escritor Bernardino Graña, recoñece as súas achegas ao campo da lingüística galega, que atinxen temas diversos. Membro correspondente da Academia dende 2004 e do seu Seminario de Gramática, a lexicografía, a estandarización do galego e mais a explotación dos corpus lingüísticos nos últimos anos son os tres campos que centran o seu labor investigador, vinculado sempre ao Instituto da Lingua Galega da USC. 

Nesta institución doutorouse en 1992 cunha tese centrada na codificación gráfica e gramatical do galego no século XX que mereceu o premio extraordinario, e nela exerce dende 1986 como profesor. Ao longo da súa traxectoria realizou estadías científicas e docentes na City University of New York, a Universidad de Buenos Aires e a Georgetown University. No campo da xestión académica, foi decano da Facultade de Filoloxía da USC (2004-2012), director do ILG (2013-2018) e vicerreitor de Profesorado.

Principais traballos
Entre os seus traballos lingüísticos, destacan a coordinación do Dicionario de dicionarios do galego medieval (2006) e a coedición de obras colectivas como A estandarización do léxico (2003), A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas (2008), Lexicografía de las lenguas románicas (2014), Léxico dialectal y lexicografía en la Iberorromania (2018), Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna (2020) ou Manual of Galician Linguistics (2025).

O desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo é outro dos campos centrais do seu currículo. Foi director da versión 4.1 do Tesouro Informatizado da Lingua Galega, que ten uns 30 millóns de formas gráficas, lematizadas e anotadas con etiquetas morfosintácticas; codirixiu Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna e  CORTEGAL, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, e participou na redacción do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.

Como dicionarista, foi parte dos equipos dos primeiros dicionarios e vocabularios terminolóxicos que se publicaron tras a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística (1983), como o Dicionario normativo galego-castelán (1988) e o Dicionario escolar galego (1989) da editorial Galaxia e mais o Léxico da administración castelán-galego editado pola RAG en 1991.