Sinatura do acto con Antón Bao, Xosé Ramón Gómez Besteiro, Julio Beberide, Méndez Ferrín e Luís Ferreiro
O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; do concelleiro de Cultura lugués, Antón Bao; do director da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do poeta, Luís Ferreiro; do presidente de Radio Lugo - Cadena Ser, Julio Beberide e dos xornalista desta emisora, Tania Lombao e Paco Nieto, impulsores da iniciativa na que mil persoas, públicas e particulares, puxeron voz aos poemas de Celso Emilio Ferreiro.
Tras a sinatura do convenio e a entrega do CD por parte de Radio Lugo á Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín felicitou á emisora luguesa por un proxecto que contribúe a espallar o coñecemento da obra do poeta celanovés e concluíu: "non hai ningún precedente en Galicia dunha iniciativa deste tipo". A seguir, o concelleiro de Cultura, Antón Bao, salientou o carácter popular de Mil voces para Celso Emilio, pois nel participaron desde persoas anónimas ata figuras destacadas da vida cultural do país. O director da Fundación Celso Emilio, Luís Ferreiro, expresou a súa gratitude por transportar a poesía de Celso Emilio dos círculos académicos ata o público en xeral, como querería a vontade do poeta celanovés. O presidente do Grupo Radio Lugo, Julio Berebide, expresou o longo compromiso da emisora coa cultura galega, que foi iniciado xa en 1935. Para rematar, o presidente da Deputación de Lugo, Gómez Besteiro, incidiu na importancia do proxecto así como na orixinalidade que supón dentro da vida cultural galega.