No encontro tamén participará o xornalista Raimundo García, fillo de Raimundo García Borobó, gran defensor na súa época do traballo de José Silvent, a quen consideraba un auténtico artista e creador. O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, será o encargado de presentar o coloquio, coorganizado pola Academia e a Asociación Morreu o Demo, creada para recuperar a memoria do teatro de monicreques e de Barriga Verde, que levou o galego á escena nuns tempos no que o uso da lingua do país en actos públicos era casi inexistente.
Comba Campoi é autora da primeira tese sobre este personaxe, na que se basea Sen medo ao demo (2018), obra finalista do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. No encontro do martes 26 de marzo abordará, entre outras cuestións, a admiración que amosaron polo teatro de Barriga Verde en distintos artigos xornalísticos non só Borobó, senón tamén outros membros da Academia como Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.
A investigadora conversará co actor, dramaturgo e director teatral Manuel Lorenzo, autor dunhas 150 obras e recoñecido, entre outros, os premios de Teatro Infantil O Facho, Abrente, Ditea, Cangas, Xeración Nós, Rafael Dieste e o Premio Nacional de Literatura Dramática; e co actor e profesor da Escola Superior de Arte Dramática Santi Prego, doutor en artes escénicas.
Monicreques orixinais do Pavillón da Risa
A celebración do Día Mundial do Teatro na Academia permitirá tamén ao público ver varias pezas orixinais da barraca de José Silvent, o chamado Pavillón da Risa. Son parte da exposición Barriga Verde. De feira en feira, que tras viaxar por distintas localidades galegas puido verse no Centro Internacional do Monicreque de Tolosa e chegará proximamente ao Museo Etnográfico de Castela e León (Zamora).