Colaboración coa Universidade de Vigo

A Real Academia Galega -representada por Francisco Fernández Rei; Euloxio Ruibal; Manuel González González e Xosé Luís Méndez Ferrín- asinou dous convenios de colaboración coa Universidade de Vigo, representada polo seu reitor, Salustiano Mato.
Xosé Luis Méndez Ferrín e Salustiano Mato asinan o convenio
Momento da sinatura por parte do reitor da Universidade de Vigo e do presidente da Real Academia Galega


Hoxe venres, 8 de xuño, ás 12 horas, no Edificio Miralles do Campus Universitario de Vigo, as entidades asinaban un convenio marco de colaboración mutua e un convenio específico de colaboración da Universidade de Vigo para a modernización dos sistemas de traballo e catalogación nos diversos departamentos da Real Academia Galega.

Tras a sinatura, o reitor, Salustiano Mato, interviu describindo as características dos convenios, entre as que destaca a achega en materia tecnolóxica que, por parte da Universidade de Vigo, permitirá á Academia a axilización do seu traballo interno. Salustino Mato destacou tamén o papel da Academia na historia da cultura galega e instou á corporación a continuar os estudos nos ámbitos da terminoloxía, onomástica e toponimia, sen esquecer a observación sociolingüística coa finalidade de defender a supervivencia e a normalización da lingua.

O Presidente da Academia pronuncia un breve discurso
Intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín no Edificio Miralles


O reitor da Universidade de Vigo rematou a súa intervención comprometéndose á colaboración coa Real Academia Galega, así como coa Fundación Rosalía de Castro, na celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, que se celebrará en maio do próximo ano.

O presidente da Academia comezou a súa intervención cunha alegoría sobre os penedos da Serra do Galiñeiro, a carón da que se sitúa o Campus Universitario de Vigo, na que a cultura galega, coma os ancestrais penedos, "continuará permanente e indestrutible". Continuou lembrando os Precursores, considerados "creadores da nación", pois deles naceu a bandeira, o himno e a historiografía. Describiu a Academia coma "un miragre concibido pola emigración" que foi quen de sobrevivir ao franquismo e chegou ata hoxe "intentando cumprir os obxectivos para os que se creara". Por último, relacionou estes obxectivos cos acordos asinados e pediu mil primaveras máis para a Universidade de maior nivel tecnolóxico de Galicia.

O acto pechouse coa actuación do grupo 'Xardín desordenado', que interpretou poemas musicados de Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana e María do Carme Krukenberg.