No concello de Mondariz o traballo altruísta de varios colaboradores da aplicación que promoven a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia fixo posible rescatar máis de 1.900 microtopónimos en diferentes parroquias. Porén, en freguesías como Toutón, Gargamala, Lougares, Mouriscados ou Riofrío a recolla aínda está nos seus primeiros pasos. A sesión deste venres, no marco da campaña da RAG e a Secretaría Xeral da Lingua Toponimízate, pretende animar a veciños e veciñas a se sumar a este labor a través de Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa que permite ademais que o rexistro de cada topónimo se acompañe de imaxes, sons ou lendas.
Vicente Feijoo explicará ademais a orixe e significado de, entre outros topónimos, o nome que comparten ambos os concellos do Condado que centran este encontro, Mondariz, un nome de lugar baseado no dunha persoa con raíz xermánica que, segundo os filólogos Joseph Piel e Dieter Kremer, está formado polos elementos mund-/mond ‘man, protección’ e -ricus ‘poderoso, famoso’.
Dozón, penúltima parada da campaña 2025
Toponimízate repetirá na provincia de Pontevedra na que será a penúltima charla da campaña 2025. A cita coa toponimia tradicional terá lugar o venres 24 de outubro no Centro Sociocultural do Castro, en Dozón, a partir das 17:00 horas.