O acto da RAG e o Concello de Tui abriu a programación do centenario de Manuel Lago.
Fonte: Concello de Tui
Víctor F. Freixanes, Enrique Cabaleiro e Andrés Torres Queiruga.
Fonte: Concello de Tui
Teresa Domínguez leu poemas de Manuel Lago González.
Fonte: Concello de Tui
Eduardo Rodríguez Sobrino e Rubén López López interpretaron composicións para poemas do homenaxeado.
Fonte: Concello de Tui
O teólogo interveu este venres na homenaxe ao relixioso tudense que coorganizaron a Real Academia Galega e o Concello de Tui. O acto abriu o calendario da conmemoración do centenario do pasamento de Lago González na súa localidade natal, onde participou na organización dos Xogos Florais de 1891, os primeiros da historia que se desenvolveron integramente en galego. O programa contou coas intervencións institucionais do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e os músicos do Conservatorio Municipal de Tui Eduardo Rodríguez Sobrino e Rubén López López interpretaron na gaita e ao piano composicións para poemas do homenaxeado que recitou a profesora Teresa Domínguez.
“Para a Real Academia Galega é unha honra estar en Tui recordando a quen foi exemplo de sensibilidade arredor da lingua e da cultura galegas. Manuel Lago cultivou de forma constante dende moi novo o noso idioma como forma de expresión literaria e participou en movemento sociais e culturais sempre na defensa da dignidade da nosa lingua. Na súa condición de arcebispo concitou unha grande expectación social pola súa significación a prol do idioma de Galicia”, salientou Víctor F. Freixanes.
O alcalde destacou tamén a defensa da lingua e da cultura galegas que realizou Manuel Lago González, parte das “relevantes personalidades que ao longo dos séculos prestixiaron o nome de Tui” e que deixaron unha “ampla herdanza”, contribuíndo a construír o grande “acervo patrimonial” que singulariza a localidade. Enrique Cabaleiro lembrou nesta liña a importancia da catedral de Tui, da que se conmemoran neste 2025 os 800 anos da súa consagración.
Lago González chegou a ser, en palabras de Torres Queiruga, un “catalizador en favor do avance na nova conciencia cívica e tamén na concreción da saudade latente por unha igrexa máis encarnada no seu pobo”. A súa era unha poesía populista con certo aire tardorromántico “pero sinceramente humana e plenamente identificada coa patria”. Interesado tanto pola filoloxía como pola historia e a prehistoria de Galicia, foi tamén “discutidor e discutido” no político, e mesmo xerou polémicas e algún conflito tanto na sociedade como na propia igrexa. Mais os inquedos na busca do renacemento da lingua e do compromiso coa procura dun maior benestar e progreso para a patria común sentíano “como un irmán”. “É ben coñecida a súa actitude solidaria cos necesitados, sobre todo cando, en Galicia e fóra dela, tiña capacidades de goberno. Actitude que ademais leva a sinatura irrefutable no feito de que, cando morreu, deixou tan só débedas no diñeiro e unha biblioteca para as poder saldar”, engade o académico.
A sesión deste venres inaugurou a programación que se desenvolverá en Tui nas vindeiras semanas co gallo do centenario de Manuel Lago. O domingo 16 haberá un paseo literario pola localidade e o luns 17 de marzo o espazo da rúa Camilo José Cela volverá ser o punto de encontro cunha mesa redonda que xuntará a Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro da catedral de Tui, a escritora e profesora Marga do Val e o profesor da USC José Manuel García Iglesias. Xa o martes 18 de marzo, día do pasamento do relixioso e escritor, a profesora da USC Marta Cendón Fernández pronunciará unha conferencia sobre o homenaxeado.