A conmemoración continuará nas redes sociais este outono coa estrea dos primeiros reels escénicos da RAG, que levarán ás redes sociais o conto “El indulto”. A institución organiza a programación dos 175 anos de Pardo Bazán co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Unha tarde literaria con Pardo Bazán de onte a hoxe
Emilia Pardo Bazán, pioneira do xénero negro arrincará o mércores ás seis da tarde cun relatorio do profesor Xaquín Núñez Sabarís sobre os contos criminais da creadora, nos que dona Emilia compartiu a súa avanzada perspectiva sobre conflitos da época e retratou desde a crítica consciente as estruturas sociais que os facían posibles. Mario Diz ao violín achegará o contrapunto emocional, recreando musicalmente a tensión, o suspense e a intensidade dramática propios do xénero negro e Pedro Feijoo, Inma López Silva e Ana Viéitez protagonizarán a mesa redonda titulada Os crimes de Pardo Bazán e a narrativa negra galega de hoxe.
Pedro Feijoo, figura imprescindible na consolidación e popularización do xénero negro nas letras galegas contemporáneas —con títulos como Os fillos do mar (2012) ou a máis recente, Onde nacen as bestas (2025)—, explorará os mecanismos narrativos de Pardo Bazán que a comunican coa construción actual da intriga, do espazo urbano e da investigación na novela contemporánea. Inma López Silva, autora de Por qué Asunta? —sobre o crime de Asunta Basterra—, mergullarase na relación entre literatura, realidade, violencia, memoria social e representación do crime; e Ana Viéitez, que acaba de debutar con Pacto de silencio (2026), achegará unha mirada emerxente sobre a vixencia do crime como materia narrativa e sobre as novas formas de suspense, violencia e conflito.
Denuncia da violencia machista
«No ronsel dunha tradición que tivo algúns dos seus referentes fundamentais nos contos de Edgar Allan Poe e nas narracións de Arthur Conan Doyle protagonizadas por Sherlock Holmes, o detective por antonomasia, Emilia Pardo Bazán explorou en obras como La gota de sangre e Un destripador de antaño as posibilidades literarias do crime, da sospeita, da investigación e da tensión moral», contextualiza María López-Sández, académica de número responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e coordinadora da xornada. Na autora coruñesa, como segue a acontecer na literatura galega actual, «o crime funciona como fenda e como revelación». «Permite observar as zonas máis escuras da sociedade, interrogar os conflitos dunha época e explorar as emocións que atravesan a violencia, a culpa, o medo, a sospeita ou a xustiza», engade López-Sández.
Claro exemplo desa dimensión social que Pardo Bazán lles outorgou aos seus textos precursores do noir é “El indulto”, relato naturalista, publicado en 1883, no que denuncia a desprotección legal das vítimas da violencia de xénero moito antes de que a sociedade tomase consciencia deste problema. Esta historia, que tristemente recobra actualidade en pleno século XXI, foi a elixida para a primeira miniserie de reels escénicos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. «Con esta proposta queremos reflectir, a través de novas formas de expresión, a vixencia da obra de Pardo Bazán. Cento setenta e cinco anos despois do seu nacemento, segue a ser unha autora moderna, con moito que dicirlle tamén á sociedade actual», conclúe María López-Sández.


