Detalle da carta de Camilo Álvarez de Castro a Rosalía
Da correspondencia de Rosalía só se conservan unhas poucas misivas dispersas en varios arquivos, pero a Real Academia Galega custodia a maior parte da correspondencia que recibiu Manuel Murguía. Forma parte deste epistolario a carta na que Camilo Álvarez de Castro, chantre da catedral de Salamanca, felicita con entusiasmo a escritora polos seus Cantares gallegos (1863), que naquel momento colleitaran na maioría dos casos unha fría acollida, incluso entre as amizades da parella.
A escolma presentada co gallo do Día Internacional dos Arquivos inclúe tamén unha carta en galego de Alfredo Brañas ao presidente da Liga Gallega da Coruña, Salvador Golpe, de 1898 e reflicte ademais a época das Irmandades da Fala con outra de Losada Diéguez a Antón Villar Ponte de 1918.