Carta de Blanco Amor a Carré Alvarellos

Nestes días que estamos a celebrar o cabodano de Eduardo Blanco Amor, finado en Vigo o primeiro de Nadal de 1979, convén facer memoria dun dos aspectos menos coñecidos da obra do narrador auriense: o seu labor como tradutor.
Detalle da carta de Blanco Amor a Carré Alvarellos
Detalle da carta de Blanco Amor a Carré Alvarellos


O 31 de marzo de 1928 Eduardo Blanco Amor escríbelle unha carta a Leandro Carré Alvarellos, daquela director da editorial coruñesa Lar, para lle solicitar a publicación dunha tradución súa da obra El culto de los héroes, do escritor e humorista arxentino Arturo Cancela (1892-1957).

Este autor gozou dunha popularidade no seu tempo difícil de concibir a partir do relativo esquezo da súa figura hoxe. De feito, na misiva de Blanco Amor a Carré Alvarellos, o escritor ourensán descríbeo, sen exceso de encomio, como "o máis querido e máis cotizado dos escritores arxentinos".

Malia isto, e a gran confianza que amosa Blanco Amor na contestación afirmativa do director da editorial Lar, ("prégolle mandarme a data da pubricación –dende logo sempre que vostede xusgue comenente pubricala- e si esta se fai, uns dez eixemplares para o autor…"), finalmente Carré Alvarellos, refusou, a partir dos feitos, a publicación d´O culto dos héroes, que tivo que agardar ata o ano 2001 para ser publicada finalmente en Laiovento, con edición a cargo de Antón Capelán.

Unha reprodución da carta de Blanco Amor a Carré Alvarellos pódese descargar aquí.