Que a cidadanía decida a palabra que identifica o ano que remata pode ser un xeito de resumirmos como o vivimos, no bo ou no malo. Tamén pode ser unha maneira de redimírmonos daquilo que se quere deixar atrás, ou unha forma de buscar acougo. A última palabra terana as persoas que participen nesta iniciativa, que constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, permanecerá aberta ata o domingo 13 de decembro ás 23:59 horas. Posteriormente, do 14 ao 25 de decembro, someteranse a votación telemática os máis significativos e máis repetidos na primeira fase. O luns 28 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2020.
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana, dende esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).