Lobísimo do saco inclúe unha peza inédita do mesmo título e recupera outras dúas, Sinfarainín contra don Perfeuto, publicada na revista Grial en 1975, e Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán), de 1992. As tres historias, protagonizadas por animais, están cheas de humor, mais tamén convidan a reflexionar sobre o abuso do poder. Teatro, en definitiva, dirixido ao público infantil, pero non só.
Bernardino Graña participou na presentación acompañado na mesa polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o académico Xesús Alonso Montero, o crítico literario Ramón Nicolás e a escritora e profesora Malores Villanueva.