Na presentación, de entrada libre, canda a autora intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica Ana Boullón, en representación da AGOn; o coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina; e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto. O libro foi publicado co apoio económico do propio Concello de Antas de Ulla, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.
Toponimia de Antas de Ulla, dispoñible en edición dixital na sección de publicacións desta web, percorre as 28 parroquias deste municipio lugués e os seus 133 lugares afondando na súa orixe e significado. Son en total 163 topónimos, aos que Andrea Santiso engadiu outros dous que non figuran no Nomenclátor de Galicia (cinguido aos nomes de entidades de poboación), O Campo das Antas e O Rego do Santo, así como o do monte Farelo.