Obra sobre Castelao

Monumento a Alfonso R. Castelao. Proyecto de ley presentado en la sesión del día 8 de noviembre de 1961 / Rubén V. M. Blanco (1961)
En 1961 o deputado Rubén Víctor Manuel Blanco presentou no Congreso arxentino un proxecto de lei para a consecución dunha estatua dedicada a Castelao, tanto para homenaxear o seus méritos persoais como por representar para a cidade de Buenos Aires o símbolo da Galiza emigrada.
O folleto, publicado ese mesmo ano na cidade porteña, recolle este proxecto de lei, onde, ademais dun esbozo biográfico de Castelao, indica, entre outras cousas, que a construción da estatua sería adxudicada por concurso a autores arxentinos, sufragada por subscrición popular e situada na Plazoleta Alfonso Castelao de Buenos Aires, na intersección da Avenida Independencia e a rúa Bernando de Irigoyen.
Finalmente esta idea sería materializada polo artista arxentino José Fioravanti (1896-1977), coa realización dun busto en pedra con base de cachotería revestida en granito vermello, que foi inaugurado no mes de agosto de 1977.

Castelao artista / Luís Seoane (1969)
Luís Seoane é un dos intelectuais galegos, xunto con Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo, aos que o Consello de Galiza encarga, á morte de Castelao, unha obra sobre o rianxeiro, neste caso, sobre súa faceta artística.
Seoane escribiu Castelao artista en 1951, mais non foi publicado até 1969, pola Editorial Alborada de Buenos Aires.
O obxectivo do autor foi mostrar a relevancia do artista no contexto da arte galega da primeira metade do século XX, así como a súa contribución ao desenvolvemento do debuxo político e social dentro da Península: “O arte de Castelao foi pra Galicia coma outro cabalo de Troia que pechaba no ventre ideas renovadoras xurdidas dos temas que sinxelamente espostos en dibuxos foron coma unha grande denuncia dos problemas galegos sen resolver”.

11 poemas a Castelao /Avelino Díaz (1975)
Esta obra de Avelino Díaz, editada polo Centro Lucense de Buenos Aires, saíu do prelo o 25 de xullo de 1975, en edición póstuma, con motivo do 25 aniversario do pasamento de Castelao.
Os once poemas deste libro homenaxe de Avelino Díaz, amigo e admirador seu, ao tempo que compañeiro no activismo cultural e societario, foron escritos entre 1950 e 1954 nos sucesivos cabodanos de Castelao, e conservados por Rodolfo Prada, quen os cedeu ao Centro Lucense de Buenos Aires. Neles, o autor chora, á vez que exalta, con fondo sentimento, a figura de Castelao como guía indiscutible da galeguidade.

Castelao na luz e na sombra / Valentín Paz-Andrade (1982)
Castelao na luz e na sombra constitúe a primeira biografía completa sobre o intelectual galeguista. Foi escrita, tras un extenso labor de documentación, polo xa octoxenario Valentín Paz Andrade e publicada por Ediciós do Castro en 1982. En 1986 mereceu unha segunda edición revisada e ampliada. En 2012 a editorial Galaxia rescataría esta emblemática obra, novamente revisada, na colección Grandes biografías.
A obra está escrita baixo o vínculo emocional derivado da súa relación de amizade con Castelao ao longo de 34 anos, dende 1916 ata a súa morte. Inclúe, no Apéndice I, un panexírico para gabar a súa figura titulado Castelao, el hombre y el artista, que fora publicado no Suplemento do sábado do xornal santiagués La Noche o 14 de xaneiro de 1950, sete días despois do pasamento de Castelao.

Castelao escritor / Eduardo Blanco Amor (1986)
No mesmo ano en que morría Castelao, o Consello de Galiza encargou tres traballos dedicados ao seu primeiro presidente: a Luís Seoane, sobre a obra artística; a Ramón Suárez Picallo, sobre o Castelao político; e a Eduardo Blanco-amor, sobre a súa faceta de escritor.
O orixinal, datado en 1950, permaneceu oculto entre os papeis que deixou na Arxentina Xosé Núñez Búa. Á morte deste, Otilia Valladares, viúva deste, e as súas fillas, enviaron a obra a Ediciós do Castro para a súa publicación.
Esta editorial publica a obra de Blanco Amor en 1986 con motivo de centenario do nacemento de Castelao. O libro inclúe un limiar de Díaz Pardo así como material gráfico, entre o que figura a derradeira fotografía do galeguista feita por Blanco Amor en 1949, pouco antes de ingresar no sanatorio do Centro Gallego.

Coroa poética para Castelao: (187 poemas: de 1911 a 1987) / edición de Xesús Alonso Montero (1988)
Esta obra, publicada en 1988 por Ediciós do Castro, recolle 187 poemas arredor da figura de Castelao colleitados, que non “escolleitados”, por Xesús Alonso Montero: ”cantos e cántigas, poemas auténticos e versos retóricos, himnos reveladores e panfletos rimados [...] Trátase dun longo mural en verso, dun longo texto no que interesa, inicialmente, a súa condición de documento, que rexistra, de 1911 a 1987, o que tantos galegos (e algúns non galegos) teñen pensado de Castelao”.
A maioría dos poemas escritos entre 1936 e 1975, moitos deles para chorar a morte do intelectual, están feitos por poetas da Galicia da Diáspora, dado que na propia terra, por razóns obvias, só era posible facelo de xeito clandestino. Esta coroa poética, importante tanto a nivel literario como documental, contribúe á vez que testemuña a mitificación de Castelao, tanto pola gran cantidade de poesías dedicadas a el como pola admiración que desprenden os versos.

Castelao humorista / Siro López (1996)
O Centro Ramón Piñeiro publica no ano 1996 esta obra dedicada á faceta humorística de Castelao, da man do tamén humorista galego Siro López.
A súa primeira parte céntrase no humorismo literario do escritor de Rianxo, e analiza a súa técnica narrativa e as súas claves humorísticas. Na segunda parte, dedicada ao humorismo gráfico, ponse de manifesto que Castelao emprega o humor como instrumento de denuncia das inxustizas ás que se somete ao seu pobo, dando lugar a un humor netamente galego, solidario coa clase traballadora, explotada a nivel económico e asoballada dende o punto de vista cultural.
Aínda que con influencias externas dos debuxantes da revista satírica alemá Simplicissimus, a súa obra foi totalmente orixinal, de valores universais e temática galega, tomando como fonte o humorismo popular transmitido tanto pola sabedoría popular como polos contos, cantigas e refráns populares.
A obra compleméntase con ilustracións do propio Castelao e doutros humoristas como Wilhelm Busch, Daumier ou Gulbransson.

Presencia de Castelao na Academia: textos inéditos e outras páxinas / edición de Xesús Alonso Montero (1999)
A Real Academia Galega edita esta publicación en decembro de 1999, da man de Xesús Alonso Montero, con motivo do 50 aniversario do pasamento de Castelao que se celebrou no ano 2000.
Castelao ingresou como académico de número o 25 de xaneiro de 1934, coa lectura do discurso As cruces de pedra na Galiza, antecedente da magnífica obra, que será publicada en Buenos Aires, co mesmo título, en 1950. A resposta ao discurso, en nome da institución, correu a cargo de Antón Vilar Ponte.
A súa presenza física na Academia limitouse a dous anos por mor da súa expatriación a partir de 1936.
A publicación recolle textos sobre o galeguista procedentes de intervencións académicas, así como unha coroa literaria na que figuran poemas dedicados a el entre 1917 e 1988, escritos por académicos como Ramón Cabanillas, Rafael Dieste ou Luz Pozo, entre outros.
Pode acceder aquí á publicación: https://doi.org/10.32766/rag.148

Castelao : defensa e ilustración do idioma galego / Henrique Monteagudo (2000)
Henrique Monteagudo traslada ao longo de sete capítulos o pensamento lingüístico de Castelao. Para el, o uso do idioma propio do país é unha cuestión de vital importancia, que plasma de xeito reivindicativo en escritos como o discurso En defensa do idioma galego, pronunciado no Parlamento español, ou na súa grande obra Sempre en Galiza. Na súa reivindicación lingüística aposta pola dignificación do galego como lingua de cultura e considera os idiomas non só como instrumentos utilitarios senón tamén como fontes de creación de obras de arte e, sobre todo, como símbolos de identidade cultural. A Editorial Galaxia é a responsable desta edición de 2000.

Congreso sobre Castelao: actas do congreso realizado pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Rianxo, dos días 25 ó 29 de xaneiro de 2000 (2001)
Entre os días 25 e 29 de xaneiro do ano 2000 celebrouse en Rianxo o Congreso sobre Castelao. O congreso contou coa participación de máis dunha trintena de especialistas na figura do autor, entre os que se encontraban Francisco Fernández del Riego, Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo, Pilar García Negro, Luz Pozo, Mª do Carme Kruckenberg, Isaac Díaz Pardo, Andrés Torres Queiruga ou Avelino Pousa Antelo, entre outros.

Castelao: construtor da nación / Miguel Anxo Seixas Seoane (2019-2021)
Monumental biografía en tres volumes escrita por Miguel Anxo Seixas Seoane e publicada na Editorial Galaxia. O autor aborda dun xeito cronolóxico os pormenores tanto da súa vida persoal como da súa proxección pública. No primeiro deles (1886-1930), trata da nenez de Castelao e da súa formación como escritor e artista. O segundo volume comprende os anos 1931 a 1939, o período da Segunda República e a Guerra Civil. Na derradeira entrega, 1940 a 1950, describe a súa etapa de exiliado en Arxentina xunto coas súas viaxes a México e Nova York. A obra complétase con abundantes notas e un apéndice gráfico en cada volume.