Andrés Torres Queiruga, Premio San Martiño de Normalización Lingüística

A XXIV deste galardón, outorgado pola Asociación Cultural O Brado, da Estrada, recoñece, deste xeito, o extenso labor en defensa da lingua e a cultura galegas desenvolvido polo teólogo e vicesecretario da Academia ao longo de toda a súa vida.
Alonso Montero faille entrega a Torres Queiruga do premio
Xesús Alonso Montero faille entrega a Andrés Torres Queiruga do premio


O acto, que tivo lugar no Teatro Principal da Estrada, contou coa presenza, entre outros, do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e do alcalde da Estrada, José López.

No seu discurso de recepción do premio -que lle foi entregado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero- Torres Queiruga, logo de manifestar o seu agradecemento pola homenaxe recibida, evocou o seu temperán compromiso co uso do galego: "Eu sempre falei galego, aínda que fun escolarizado en castelán e boa parte dos meus compañeiros de clase falaban nesa lingua, polo que eu pensaba que eran máis intelixentes ca min. Máis tarde, cando tiven que marchar fóra da terra, o orgullo pola miña lingua materna foi medrando en min conforme avanzaba no descubrimento e o estudo da súa tradición culta, ata que decidín empregalo en todos os ámbitos da miña vida".

O Premio San Martiño de Normalización Lingüística, que tivo a súa primeira edición en 1991, ten como obxectivo recompensar o traballo feito na promoción do uso normal do galego en tres categorías: A Estrada e Comarca de Terra de Montes, que recaeu na Asociación A Xesteira de Couso; Galicia enteira, concedido ao debuxante Luís Davila, e Toda unha vida, que lle foi concedido este ano a Andrés Torres Queiruga.