Alumnado do Instituto Santiago Apóstol, de Buenos Aires, na Academia

Durante a mañá do 27 de setembro, a Real Academia Galega recibiu a visita dun grupo de dezaseis estudantes procedentes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol.
Imaxe dos alumnos no salón de actos da Academia
O presidente da Academia, Méndez Ferrín, e o secretario, Axeitos Agrelo, recibiron o grupo de estudantes no salón de actos


O alumnado procedente do Intitututo Arxentino-Galego foi recibido no Salón de Actos da Real Academia Galega polo seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, que desenvolveu unha breve exposición da historia e finalidades da institución. Durante a súa intervención, Méndez Ferrín salientou a grande importancia que a comunidade galega emigrada en América tivo na constitución e sostememento económico da Academia: "un papel de mecenado que foi fundamental tamén para a creación do himno, da bandeira e de multitude de escolas públicas ao longo de todo o país."

A seguir, unha representante dos alumnos fixo entrega á Academia dun agasallo consistente na medalla do seu Centro e en varios exemplares de publicacións arxentinas; entre eles, os tres números publicados, ata o momento, da revista Gavieiro, editada polo propio Instituto Santiago Apóstol.

Unha alumna faille entrega a Méndez Ferrín do seu agasallo
Unha representante dos alumnos faille entrega ao presidente do agasallo para a Academia


A visita dos estudantes arxentinos completouse cun percorrido polo resto das instalacións da Academia: a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a Biblioteca, a Hemeroteca e o Arquivo. Ao longo desta xornada, a mocidade do Instituto Santiago Apóstol amosou a súa emoción ao observar, por vez primeira e de preto, manuscritos orixinais dos nosos escritores e a primeira edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.