Alfonso Blanco Quintela presenta este sábado ‘Toponimia de Carnota’

 Alfonso Blanco Quintela presentará este sábado, 11 de abril (12:00 horas), na Casa da Cultura do Viso Toponimia de Carnota, o libro editado pola Real Academia Galega no que debulla a orixe e o significado dos nomes de lugar do municipio carnotán. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, acompañará o autor nun acto no que tamén intervirán a académica Ana Boullón, en representación da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), e o alcalde Juan Manuel Saborido Rama. A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio.

Toponimia de Carnota é o segundo título do profesor do IES Fontexería para Terra Nomeada, a colección froito da colaboración entre o Seminario de Onomástica da Academia e a AGOn. Tras Toponimia de Muros (2023), o novo volume afonda nos 59 nomes da toponimia maior carnotá (os das entidades de poboación) e mais noutros 8 da toponimia menor. A edición sae do prelo coa colaboración do propio Concello de Carnota e da Deputación da Coruña.

Sobre o propio nome de Carnota, o autor apunta que os primeiros testemuños escritos se remontan aos século IX, cando apareceu no Documento de Tructino. A raíz é prerromana, probablemente indoeuropea, e atribúeselle o significado de ‘pedra’. “É a mesma base que se propón para outros nomes de lugar como os varios Cornes que atopamos en Galicia, os italianos Alpi Carniche ou o inglés Cornualles (onde lle chaman Cornwall, literalmente ‘muro de pedra’, se a hipótese é a correcta”, detalla Alfonso Blanco Quintela. Canto ao sufixo -ota que complementa a raíz, parece ser o mesmo que vemos no adxectivo miñoto, -a.

No Nomenclátor de Galicia, o rexistro oficial de entidade de poboación, non hai outra Carnota, que si deixa rastros varios toponimia menor. “Sen saírmos deste concello, na freguesía do Pindo topamos coa Cova de Carnota, que pode facer referencia a un antigo propietario coñecido polo seu apelido ou alcume; o mesmo pode ser de aplicación ao Agro de Carnota (no veciño concello de Muros), Os Campos de Carnota (na parroquia de Toxosoutos, en Lousame, e na de Budiño, no Pino), e A Eira de Carnota (de novo no municipio do Pino, na parroquia de Lardeiros)”, repasa o filólogo. “Ademais, temos varios exemplos da forma A Carnota: na provincia da Coruña, en San Mamede de Ribadulla (Vedra), en Quintas e Vilamourel (Paderne); e na de Pontevedra, en Cira (Silleda); e, por outra banda, en Alvite (Negreira) está Suascarnotas. En Portugal tamén aparece nunha ocasión Carnota, nome dunha freguesía do concello de Alenquer, no distrito de Lisboa”, abunda.