Nas tres edicións anteriores, as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014). A esta listaxe súmase agora afouteza, cuxo éxito foi cociñándose ao longo de todo 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario. Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que o interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo, que ten por lema: "Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza", baseado nun verso do propio himno do club. A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano, pero entre os miles de votos que recibiu, non poucos se deberon ao poder semántico e á forma suxestiva desta palabra, cun contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico.
En definitiva, afouteza conquistou neste ano que remata unha vida nova nun partido en que gaña a lingua: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal. A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo.
Orixe e evolución do termo
Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade que demostra unha persoa en si mesma. Os dous significados están moi vinculados, é evidente, pero conservan un valor semántico específico e esta é a razón pola que se propoñen para cada un deles voces diferentes como sinónimos; para a "disposición do ánimo", poden ser equivalentes animosidade, audacia, denodo, ousadía e valor. Para a segunda acepción, a do "carácter firme e seguro", os que se propoñen como termos relacionados, non estritamente sinónimos, son decisión e enerxía.
A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado "favorecer ou "protexer", e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que "ten ou amosa afouteza". Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.
Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que "afouta" é a "persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro" e insiste "o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende" (adaptación da definición orixinal do frade bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica de 1787-1805). Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou no seu caso o adxectivo afouto-a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluída a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928), onde figuran tamén as variantes afoto –a e afoutado –a.
Mais a afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que apareceu con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar na segunda decena do século XXI.