Adeus a un militante da cultura galega que fai abrir os ollos

"Hoxe habería que dar o pésame a todos os balbinos do mundo, que como o protagonista de Memorias dun neno labrego entenden que é unha tristeza que haxa pobres e ricos no mundo. Eses balbinos acaban de quedar sen o seu cronista, pero deberían ser conscientes de que os balbinos unidos xamais serán vencidos". Con estas emotivas palabras, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pechaba a súa intervención na homenaxe a Xosé Neira Vilas celebrada este mediodía na capela ardente do escritor e académico, instalada no Panteón de Galegos Ilustres. Alonso Montero lamentou tamén o pasamento de Xosé Chao Rego e de Xosé Alvilares Moure, outras dúas perdas para o mundo da cultura galega acontecidas nas últimas horas.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, intervén na homenaxe a Xosé Neira Vilas no Panteón de Galegos Ilustres


Minutos despois do mediodía, diante do cadaleito cuberto coa bandeira de Galicia, o vicepresidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez, tomaba a palabra para agradecer en nome da familia e da propia fundación as mostras de respecto e cariño amosadas cara á "a figura do pai de Balbino, que xa é inmortal". "Neira Vilas quedará por sempre nos seus corazóns, nos nosos, no de Galicia, a terra nai á que regresa coa satisfacción do deber cumprido", expresou.

Pouco despois, os versos de Amor cubano, unha das últimas composicións de Neira Vilas, soaban na voz do músico Roi Casal. O escritor natural de Gres compúxoa para o disco Son cubano, son galego, no que Casal está a traballar, e en cada unha das súas palabras está presente o amor que Neira Vilas sentiu pola súa dona, Anisia, e Cuba. A illa caribeña, na que viviu entre 1961 e 1992, foi a "a súa patria paralela", lembrou o cónsul de Cuba en Galicia, José Antonio Solana. "Neira Vilas contribuíu a tender pontes que son indestrutibles para a irmandade entre Galicia e Cuba, onde moitas das nosas orixes están nesta fermosa terra. Pepe é sen lugar a dúbidas un dos galegos máis prominentes que deixaron a súa impronta neste país, a súa patria paralela, como el a chamaba", recordou.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, pechou a homenaxe cun emotivo discurso no que falou en nome da institución, pero tamén como amigo de Neira Vilas e galego da mesma quinta e de orixe similar, con raiceiras "na nación rural do proletariado galego". Con 20 anos, Alonso Montero marchaba a Madrid a estudar a carreira á "universidade menos ruín" daqueles tempos, "despótica e franquista como calquera das que había en España". Neira Vilas emigraba a Arxentina sen que puidese soñar sequera cunha aula universitaria, pero alí licenciaríase en Xornalismo e tamén acudiría a "unha especie de Institución Libre de Ensinanza no desterro na que vai ter un ensino sobre Galicia que eu daquela estaba moi lonxe de ter", comparou Alonso Montero.

Neste ambiente, Neira Vilas implicaríase de cheo na vida cultural galega na emigración iniciando "unha obra tan inxente como polifacética", primeiro en Arxentina e despois en Cuba, a onde chegou en 1961 e onde viviu ata que en 1992 regresou Galicia. Un "extraordinario legado" no que, malia que moitas veces se pon "excesivo acento" en Memorias dun neno labrego, hai moitas outras facetas, como a do Neira Vilas tradutor das poesías do Diario de prisión de Ho Chi Minh e de Nicolás Guillén ou o autor doutros libros de relatos, ensaio, poesía e epistolarios, salientou. "Neira Vilas é un militante da cultura galega, pero entendida non como unha cousa evanescente, espiritual, senón como unha cousa que abre os ollos. A formulada nas súas páxinas é unha literatura, unha cultura, que nos está abrindo constantemente os ollos", reflexionou o presidente da RAG.

O herdo cultural que deixa Neira Vilas chega ata a actualidade máis recente. "Nos últimos dez anos escribiu miles de páxinas. Algunhas estanse publicando neste momento, outras publicaranse en breve. Ese é o legado que nos deixou. Polo tanto, o noso loito é relativo. De todos os xeitos, se houbese que dar o pésame a alguén, aínda antes que á familia ou que aos amigos, sería aos balbinos do mundo, que acaban de quedar sen o seu cronista. Pero os balbinos deberían ser conscientes de unidos xamais serán vencidos", concluíu. Neira Vilas recibirá sepultura esta tarde en Gres (Vilas de Cruces).