Achado material inédito sobre Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro vén de anunciar o achado dun importante conxunto de documentos referidos a Rosalía de Castro.
Imaxe de Rosalía de Castro
Fotografía de Rosalía de Castro por María Cardarelli


O achado componse da imaxe inédita da autora que reproducimos máis arriba, obra da fotógrafa María Cardarelli; dun poema autógrafo que se pode ler aquí na súa versión orixinal, e aquí transcrito polo propio presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; así como dunha carta procedente de Fernán Caballero que se pode consultar aquí, na súa versión orixinal, e nestoutra ligazón transcrita.

Todo este material, atopado no interior dun exemplar da primeira edición de Cantares Gallegos adquirido pola Fundación Rosalía de Castro, pódese consultar na exposición "No principio foi o verso", que esta institución manterá aberta ao público na sede da Fundación Barrié en Vigo deica o vindeiro 15 de agosto, e na que se expoñen tamén diversos obxectos referidos á autora de Follas novas cedidos pola Academia.