An Alfaya

“A través do teatro, quero que a rapazada se pregunte quen son Circe e Morgana e como Begoña Caamaño contou as súas historias”

An Alfaya

An Alfaya é a autora de UUU-uuu, BEGOÑA!, o texto teatral que constitúe o corazón da nova edición de Primavera das Letras. Autora experimentada na literatura para a rapazada, o reto de escribir unha historia que achegase a protagonista do Día das Letras 2026 ao público máis novo foi maior do esperado por cuestións extraliterarias que a académica Fina Casalderrey descoñecía cando lle propuxo a encarga. “Begoña e mais eu fomos compañeiras no Instituto Coia 2 (actual Alexandre Bóveda) e en Maxisterio. Había unha parte da miña cabeza que non podía deixar de pensar que tiña que falar dunha amiga que hoxe tería a miña idade. Eu lémbroa como unha rapaza luminosa, líder e inquieta”, conta a escritora. Unha luz que soubo trasladar á aventura que argallou para a rapazada, coa que volveu escribir, despois de moito tempo, teatro. A peza, ilustrada por Laura Romero, pode descargarse na web do proxecto. A autora e a RAG agardan que arredor do 17 de maio e en diante sexa levada á escena, dentro e fóra das escolas, en múltiples recunchos do país.

A obra para Primavera das Letras é a súa primeira peza literaria sobre unha persoa coñecida? Como lembra a Begoña Caamaño dos anos de estudante e a relación con ela? Imaxino que serviu de fonte de inspiración para a definición da súa personaxe na peza teatral.
Así é. Bebo bastante da realidade e das lembranzas para logo construír as miñas historias, pero nunca antes escribira sobre unha persoa concreta, aínda que de forma ficcionada. Begoña e mais eu compartimos amizades, corredores e inquedanzas. Eu lémbroa como unha rapaza cunha personalidade arrebatadora. E dende ese pouso tratei de escribir a peza de teatro. Xa daquela concentraba a nosa atención, había algo especial nela que irradiaba de xeito natural. E quizais disfrazaba parte de quen era realmente, pois no instituto xa amosaba inquietudes sociais, preocupación polo que acontecía no mundo, e a meirande parte de nós non eramos quen de seguila, porque Begoña estaba moi avanzada con respecto á rapazada da súa idade.

En Uuu-uuu, BEGOÑA! convoca as protagonistas dos libros da autora das Letras Galegas 2026, Circe e Morgana, para axudala a superar unha aventura crucial. 
Tiña claro desde o principio que ía partir dos mitos, como ela fixo nas súas novelas. Aínda que curta, a obra de Begoña é absolutamente renovadora, reveladora e revolucionaria na narrativa galega, dálles a volta aos mitos para contalos desde o punto de vista das mulleres. Así que o reto nesta pequena obra que escribín foi que as personaxes debían ter tamén voz, e tiña que haber unha comuñón entre a creadora e as súas creacións.

É tamén unha boa estratexia para que os nenos e nenas empecen o achegamento a uns títulos que a priori semella complicado presentar a ese público máis novo.
Así é. Quero que as nenas e os nenos se fagan preguntas e descubran quen son Morgana e Circe, espertar neles a curiosidade para investigar e saber máis sobre eses seres mitolóxicos e sobre como Begoña Caamaño reescribiu as súas historias. O meu propósito é que esta obra de teatro sirva de porta de entrada a un universo literario que evidentemente non está pensado para o público infantil.

Ese é tamén o obxectivo das actividades complementarias que se ofrecen na web de Primavera das Letras, e que irán medrando ata o 17 de maio. Nelas tamén se fará referencia ao valor da amizade na vida e na obra de Begoña Caamaño, tamén moi presente en Uuu-uuu, BEGOÑA!
Begoña Caamaño tiña unha importante redes de amigas. Na obra está representada por Uxía, que serviu ademais para fiar ese tránsito do mundo das protagonistas das Letras Galegas 2025, as cantareiras, ao de Begoña. Paréceme que a personaxe de Uxía dá moito xogo nese sentido.

Vostede é coñecida sobre todo como narradora, como foi a experiencia de enfrontarse á escrita dramática?
Cando era noviña fixen teatro, fun fundadora, canda o meu home, da compañía Avento de Vigo, e publiquei tres pezas para o público infantil: Buá, buá, requetebuá (accésit na Mostra de Teatro Infantil Xeración Nós 1989), O maquinista Antón (primeiro Premio na mesma Mostra de Teatro en 1991) e A estrela Volarina na torre Coralina (2001). A miña vida foi logo por outros camiños, entre outras cousas porque é bastante frustrante escribir teatro polo difícil que resulta publicalo e moito máis aínda vendelo, pero como escritora o teatro é a parte máis lúdica de min. Aínda que non chegue a facer comedia, saca a miña parte máis divertida. Con Uuu-uuu! BEGOÑA! no fondo sabía desde o principio que ía ser unha peza teatral. Os personaxes axiña empezaron a falar, a ter vida propia e decateime de que ía ser a fórmula coa que me sentiría máis cómoda. Permitiume ademais conciliar en pouco espazo a parte máis biográfica coa ficción fantástica.