Xohana Torres naceu en Compostela o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde estaba destinado como mariño o seu pai, pero as súas raiceiras están tamén nas terras do Avia, onde a súa avoa materna, Lola, lle aprendeu a fala galega máis íntima e a cultura popular. A ela está dedicado o derradeiro libro de Xohana Torres, Elexías a Lola (2016), unha versión ampliada e enriquecida da homenaxe que xa lle rendera en Estación ao mar (1980). A edición inclúe un anaco de Eu tamén navegar, o discurso co que Xohana Torres ingresou na RAG como académica de número no ano 2001.
A vocación literaria de Xohana Torres manifestouse cedo e publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. Algúns deles, como os do poema "Soidá", formarían parte do seu primeiro libro, ao igual que "Nai", que deu a coñecer en 1953 na revista Aturuxo animada por Ricardo Carballo Calero, o seu profesor de Historia e Literatura no bacharelato. En 1955 recibiu o primeiro premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, que compartiu con Celso Emilio Ferreiro, por outro poema, "A nosa primavera: toxos", e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957), na colección de poesía Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces das letras galegas.
Como poeta, publicou tamén Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001), así como Elexía a Lola (2016). Como dramaturga, cómpre salientar as súas contribucións ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984).
A radiofónica foi outra das linguaxes que cultivou con éxito. Nos anos de mocidade participou en diversos espazos emitidos en Radio Ferrol, onde lía textos en galego e poemas de distintos autores. Máis adiante, en 1963, dirixiría en La Voz de Vigo o primeiro programa cultural radiofónico completamente en galego, "Raíz e tempo", que acadou unha notable audiencia durante anos. Así mesmo, colaborou na gravación de discos con escolmas de Castelao e Cunqueiro.
A capela ardente de Xohana Torres abrirá este mércores, ás 10 da mañá, no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada ás 21:30 horas.