Foto de familia, no salón de actos da Real Academia Galega, do alumnado e Xesús Alonso Montero. Autor: RAG
Os estudantes, procedentes de 17 países de Europa, América e Asia, puideron coñecer a Biblioteca da RAG, a máis completa de fondo galego do mundo, e visitar tamén a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que ocupa o primeiro andar do edificio. Tras un percorrido guiado, o presidente da Academia pronunciou no salón de actos unha conferencia na que repasou a vida e a obra de Lorenzo Varela, de quen este ano se celebra o centenario do seu nacemento.
A Real Academia Galega organiza os Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.