A RAG expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Manuel Caamaño

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Manuel Caamaño Suárez (2 de xaneiro de 1936 – 5 de abril de 2026). O académico correspondente, natural de Noia, foi un destacado activista cívico e cultural desde a mocidade, cando en pleno franquismo descubriu en Barcelona a Galicia oculta e tomou conciencia da súa realidade. Arquitecto técnico de formación, compaxinou a súa carreira profesional, na que estudou e contribuíu ao coñecemento da arquitectura popular galega, cun destacado activismo cívico e cultural en distintas asociacións e entidades, entre elas o Partido Socialista Galego (PSG) desde o seu grupo fundacional (1964) e a Agrupación Cultural O Facho, que presidiu de 1966 a 1979. Era membro da RAG desde 2004.

1/6

Na etapa catalá, que iniciou como estudante da Universitat Politécnica de Catalunya, Manuel Caamaño contribuíu á galeguización do Centro Galego de Barcelona, do que foi vicesecretario, e foi fundador do grupo cultural Mocedade Galega de Barcelona. En 1962 regresou a Galicia e un tempo despois estableceuse na cidade da Coruña, onde participaría intensamente na súa vida asociativa. Como presidente do Facho, a asociación desenvolveu un sobresaliente labor galeguizador: contribuíu á popularización da celebración do Día das Letras Galegas, puxo en marcha concursos literarios e promoveu cursos de lingua galega, entre eles O galego hoxe (1978-1980) que ofreceu La Voz de Galicia durante a Transición, e que acabou recolléndose nun libro que nun ano e medio superou os 20.000 exemplares.

No mundo editorial, foi membro dos consellos da SEPT (1969-1975) —centrada na introdución do galego na liturxia católica— e da Editorial Galaxia (1972 1986), e promoveu e presidiu a Sociedade Cultural Escola Aberta (1978-1986). Este selo levou ao prelo títulos como historia gráfica Galicia en imáxenes e mereceu o Premio da Crítica de Galicia na categoría de iniciativas culturais (1980) e o Premio Otero Pedrayo (1984).

Como autor, Manuel Caamaño, alén de participar en diversas obras colectivas, publicou Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica (1980), con X. M. Rodríguez Pampín; Sobre Galicia como responsabilidade (1988), que recompila os seus artigos en La Voz de Galicia entre 1970 e 1986 canda outros textos; A casa-vivenda (1997), A casa popular (1999), As construccións adxectivas (1999) e As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (2003), título distinguido co Premio Antón Losada Diéguez e o Premio da Crítica de Galicia; e Dun tempo e dun país (2006).

No campo do activismo cultural e cívico foi así mesmo vicepresidente da Coral Polifónica Follas Novas (1967-1969), un dos fundadores da revistas Teima (1976) e Tempos Novos (1997), de ADEGA e da Fundación Castelao; padroiero e presidente da Fundación do Pedrón de Ouro (1983), membro do Consello Social da Universidade da Coruña por designación do Parlamento de Galicia (2003), socio da AELG e membro da plataforma ProLingua.

Como arquitecto técnico, en Catalunya Manuel Caamaño traballou para Agroman e xa de volta en Galicia, en Dragado y Construcciones. Primeiro como xefe de obras e despois como xefe de grupos de obras desta compañía, participou en numerosas e variadas obras, como a da Unidade Veciñal número 3 do Polígono de Elviña da Coruña, segundo o proxecto do arquitecto José Antonio Corrales Gutiérrez, ou a do pavillón de deportes de Riazor de Santiago Rey Pedreira.

Desde 1975 ata 2000, foi profesor asociado da Universidade da Coruña, en cuxas aulas impulsou o uso do galego e deu a coñecer a varias xeracións de futuros profesionais a arquitectura tradicional galega e promoveu o seu estudo. Foi ademais un activo membro do Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos da Coruña: ocupou o cargo de contador da súa xunta de goberno (1975-1978) e desde 1977 representouno no padroado do Museo do Pobo Galego, no que tamén foi membro da xunta reitora.